InicioAncaresUnha certificación turística permitirá protexer o ceo nocturno dos Ancares

Unha certificación turística permitirá protexer o ceo nocturno dos Ancares

A Reserva da Biosfera dos Ancares e Montes de Cervantes, Navia e Becerreá reciben a certificación de 'Destino Turístico Starlight' para desenvolver o turismo de estrelas.

PUBLICADA O

- Advertisement -

O deputado de Medio Ambiente, Carlos López, recibiu este luns na Casa do Concello de Navia de Suarna da man da directora xerente da Fundación Starlight, Antonia Varela, a certificación de ‘Destino Turístico Starlight’ para a Reserva da Biosfera dos Ancares lucenses e Montes de Cervantes, Navia e Becerreá. Este distintivo servirá para protexer mediante diferentes actuacións o ceo nocturno e desenvolver as potencialidades do turismo das estrelas, e que tamén recolleron no acto deste luns os tres municipios que integran este territorio protexido pola Unesco e xestionado pola institución provincial.

Así mesmo, a xornada incluíu a celebración da primeira mesa de traballo en relación con esta certificación, na que participaron representantes dos concellos, así como de colectivos sociais e entidades que forman parte do órgano participativo da Reserva, co fin de abordar as actuacións necesarias, como adecuar fontes de luz ou impulsar servizos e recursos especializados.

“Estamos convencidos de que este distintivo nos axudará a consolidar o modelo de turismo polo que apostamos nas Reservas da Biosfera e en toda a provincia para xerar riqueza. Un turismo de calidade, sustentable, de experiencias, que coida o patrimonio e que deixa valor no territorio, algo fundamental para apoiar e para fixar poboación no rural, que é un obxectivo co que estamos plenamente comprometidos na Deputación”, asegurou Carlos López.

A Fundación Starlight, que pertence ao Instituto Astrofísico de Canarias, aconsella aos Ancares despregar “todo o seu potencial astroturístico” coa captación de novas empresas no territorio que ofrezan servizos de restauración, o desenvolvemento de produtos turísticos como observacións astronómicas ou novas propostas desde e para a zona. Tamén ser capaz de ampliar a oferta de aloxamentos singulares establecendo vínculo co territorio.

España conta na actualidade con máis de 60 Destinos Turísticos Starlight deste tipo, oito deles situados en Galicia. O dos Ancares é o segundo da provincia de Lugo, xa que o concello de Muras obtivo este distintivo en 2020. Outros dos lugares certificados para o turismo de estrelas en Galicia son Trevinca, o Parque Nacional Illas Atlánticas, a Costa da Morte, Lalín e as Mariñas Coruñesas.

ÚLTIMAS

Aprobada a licenza urbanística para ampliar as instalacións da protectora de animais

O Concello de Lugo completou este mércores o proceso administrativo necesario para legalizar e ampliar as...

Un vehículo choca contra outro tras circular en sentido contrario na A-6, ao seu paso por Lugo

Unha persoa resultou ferida tras unha colisión frontal de dous vehículos, un deles circulaba en...

Polémica en Lugo polas obras de conexión de Lugo con Sarria

A Xunta de Galicia respondeu ao alcalde de Lugo, Miguel Fernández, asegurando que non existe...

Deteñen un home en Lugo despois de agredir cun coitelo a un sobriño

A Policía Local de Lugo detivo na tarde do pasado luns, 13 de outubro,...