InicioA UlloaO Instituto de Estudos Ulloáns pide á Deputación que compre a leira...

O Instituto de Estudos Ulloáns pide á Deputación que compre a leira onde quere instalarse Altri

O Instituto fai fincapé na presenza de especies endémicas na leira e na súa relevancia ornitolóxica, pedindo que a declaren Zona de Especial Protección.

PUBLICADA O

- Advertisement -

O Instituto de Estudos Ulloáns (IEU) pediu á Deputación de Lugo que compre a Leira de Quintas, en Palas de Rei, onde Altri quere situar a fábrica de celulosa e de fibras téxtiles, e súmase así ás voces que rexeitan a instalación desta factoría na Ulloa. Nun escrito dirixido ao presidente da institución provincial, José Tomé, xustifica a súa solicitude “para conservar a súa riqueza natural e biodiversidade”, coa posibilidade de crear nela centros de estudos ambientais, de promoción ao agroturismo e de acollida a peregrinos do Camiño de Santiago.

Entre os motivos que expón o Instituto, sinala que o proxecto de instalación de “unha macrofábrica de pasta de celulosa” na Leira de Quintas “ameaza con destruír un dos espazos naturais máis destacados da Galicia interior”. Así, sostén que se trata dun enclave “de especial interese” que atesoura “grandes valores naturais e paisaxísticos”. Nesta liña, detalla que a existencia de hábitats naturais e agrarios, e sobre todo a presenza de especies endémicas, “convértena nun espazo relevante para a conservación da biodiversidade galega e europea”.

Destaca tamén que esta leira acolle poboacións de catro especies vexetais, asociadas aos afloramientos de serpentinitas, “que non se atopan en ningún outro lugar do mundo”: ‘Armeria merinoi’, ‘Leucanthemun gallaecium’, ‘Santolina melidensis’, ‘Centaurea gallaecica’, “as tres primeiras catalogadas en perigo de extinción”.

Do mesmo xeito, subliña a súa “relevancia ornitolóxica” pola presenza regular de dúas especies de aves incluídas no catálogo galego de especies ameazadas e explica que son habituais 18 especies de aves para as cales é necesario a declaración de Zona de Especial Protección.

Tal e como sinala o colectivo, a Leira de Quintas ten 123 hectáreas no Concello de Palas de Rei, “a maior parte delas ocupadas por hábitats de interese comunitario (HIC), pero carece de protección ambiental”. As outras 66 hectáreas atópanse no Concello de Santiso (A Coruña) e están incluídas no Plan Director da Rede Natura 2000 de Galicia.

OUTROS USOS

Por todo iso, considera que debería recuperar o seu uso agropecuario extensivo e ecolóxico, que a podería facer receptora de axudas agroambientais da Unión Europea, contribuíndo a deter a perda de biodiversidade e a favorecer a soberanía alimentaria, así como a promocionar proxectos de agroturismo.

“Pola súa gran extensión e diversidade de hábitats, e pola súa localización estratéxica no centro de Galicia, poderíanse crear nela instalacións para investigación no ámbito botánico e zoolóxico, en colaboración coas universidades galegas, e para impartir cursos de ciencias ambientais. Por outra banda, a súa proximidade ao Camiño Francés permitirá a creación de espazos de encontro e de acollemento aos peregrinos”, expón no escrito dirixido á Deputación.

ÚLTIMAS

Aprobada a licenza urbanística para ampliar as instalacións da protectora de animais

O Concello de Lugo completou este mércores o proceso administrativo necesario para legalizar e ampliar as...

Un vehículo choca contra outro tras circular en sentido contrario na A-6, ao seu paso por Lugo

Unha persoa resultou ferida tras unha colisión frontal de dous vehículos, un deles circulaba en...

Polémica en Lugo polas obras de conexión de Lugo con Sarria

A Xunta de Galicia respondeu ao alcalde de Lugo, Miguel Fernández, asegurando que non existe...

Deteñen un home en Lugo despois de agredir cun coitelo a un sobriño

A Policía Local de Lugo detivo na tarde do pasado luns, 13 de outubro,...