A Audiencia Provincial de Lugo acolleu este martes o xuízo contra un home por un delito contra a saúde pública acusado de introducir por estrada en Galicia, procedente de Madrid, dous quilos de heroína. Exponse a unha pena de prisión de sete anos e medio e ao pago dunha multa de 100.000 euros.
Os feitos xulgados tiveron lugar o 22 de marzo de 2023, cando un operativo conxunto integrado por membros da Policía Nacional e outras unidades territoriais de Galicia e Castela e León procederon á detención do acusado nun control específico de estrada establecido no termo municipal de Pedrafita do Cebreiro.
De acordo ao recolleito no escrito de acusación, o home, que viaxara desde Ferrol a Madrid á primeira hora da mañá dese día, foi interceptado no seu regreso, ao redor das 17.45 horas da tarde, cando se dispuña a ingresar novamente en Galicia. Ocultos nunha mochila de cor vermella situada no asento do copiloto do vehículo que conducía, os axentes acharon catro paquetes que contiñan no seu interior unha cantidade próxima aos dous quilos de heroína.
Na vista celebrada este martes tomouse declaración por videoconferencia a catro axentes da Policía Nacional que participaron no operativo de seguimento e posterior rexistro do vehículo. Dous deles declararon desde A Coruña e outros dous desde as dependencias policiais de Ponferrada (León). Un dos inspectores interrogados declarou que o dispositivo foi despregado porque existían “altas posibilidades de que o acusado se dedicase ao transporte de droga”. Tanto o letrado da defensa como a Fiscalía renunciaron á proba testifical dun bo número de axentes uniformados.
“DEDICÁBAME A EXTRAER VIEIRA DE FORMA ILEGAL, NUNCA Á DROGA”
O acusado, natural de Ferrol, recoñeceu os feitos imputados durante a súa intervención na Audiencia Provincial pero declarouse vítima dunha extorsión para levalos a cabo. “A miña capacidade económica era cero e pedín diñeiro á xente equivocada. Á hora de devolverllo obrigáronme a facer unha viaxe. Déronme unha mochila en Madrid e tiña que entregala en Galicia”, manifestou.
O home, que se atopaba en liberdade condicional no momento en que foi interceptado coa mercadoría, negou na súa declaración final ter calquera tipo de vinculación co mundo das drogas. “Eu dedicábame a extraer vieira de forma ilegal, furtiva, e vendíaa nos restaurantes. Agora cóllenme con dous quilos no coche, ofrécenseme sete anos e medio e tal e como están as cousas teño que asinar o acordo, pero nunca me dediquei nin á droga nin polo miúdo”, asegurou.
O Ministerio Fiscal, que solicitaba inicialmente para o imputado unha condena de nove anos de cárcere e o pago dunha multa de 200.000 euros, modificou a súa petición de pena rebaixando a 100.000 euros a contía da sanción económica e a sete anos, seis meses e un día o período de prisión.
Todo iso tras “valorar positivamente” na fase de conclusións que o acusado recoñecese os feitos e pese ao “agravante que supón a reincidencia” do imputado, en prisión provisional desde o mes de marzo e con antecedentes penais. A defensa adheriuse ás conclusións do Ministerio Fiscal e a causa quedou vista para sentenza.