A Sala do Civil e Penal do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) ratificou a condena a nove anos e medio de inhabilitación para cargo público con facultades de contratación para Issam Alnagm, exlalcalde do municipio lugués de Muras polo Partido Popular.
No seu fallo, difundido este venres e contra o que cabe recurso de casación ante o Tribunal Supremo, a sala ve probado, do mesmo xeito que fixo a Audiencia Provincial de Lugo en novembro de 2022, que Alnagm valeuse do seu cargo para subscribir varios contratos de forma irregular entre os anos 2012 e 2015, último ano no que foi alcalde dun municipio que dirixiu 24 anos, desde 1991.
Os maxistrados do alto tribunal galego estiman en parte o recurso do exmandatario popular, pero só para escusalo da responsabilidade civil, posto que interpretan como contrario a dereito que recaia nel a responsabilidade de indemnizar a unha traballadora pola finalización do contrato que mantivo co concello entre principios de 2006 e finais de 2015.
Así pois, confirma a inhabilitación de nove anos por un delito continuado de prevaricación administrativa ao entender que os contratos temporais que subscribiu con varias persoas realizáronse “prescindindo total e absolutamente de calquera tipo de procedemento qque garantise os principios constitucionais de igualdade, mérito e capacidade para o acceso á función pública”.
Así mesmo, tamén coincide coa sentenza en primeira instancia en que o procedemento de contratación era “inexistente”, xa que non se daba publicidade nin ás bases nin á convocatoria, senón que se realizaban de forma exclusiva baixo o “libérrimo criterio” do alcalde.
PRIMEIRA INSTANCIA
Nunha sentenza emitida en novembro de 2022, a sección segunda da Audiencia Provincial de Lugo condenou a Issam Alnagm ao considerar que na súa forma de proceder tiña “pleno coñecemento de actuar á marxe do ordenamento xurídico e vontade de facelo”, así como que sabía “que ocasionaba un resultado materialmente inxusto coa súa actuación”.
O alcalde levou a cabo as contratacións, segundo a sentenza, “a pesar das advertencias da secretaria-interventora do Concello, quen llas realizou verbalmente e por escrito”. Os maxistrados sinalan que lle indicou que a Alcaldía era “un órgano manifestamente incompetente para a súa realización, aclarando que o órgano habería de ser colexiado e que non podería o alcalde formar parte do mesmo por ser persoal de designación política”.
Ademais, a secretaria advertiulle de que “a maior parte do persoal viña concatenando contratos de traballo de duración determinada, desde o día 1 de xaneiro ao 31 de decembro de cada ano, a pesar de que se trataba de cubrir necesidades permanentes do servizo”.
“CONTUNDENCIA” DOS FEITOS PROBADOS
Na resolución destacan que, como resultado, os xulgados do social de Lugo estimaron diversas demandas formuladas por persoas así contratadas polo acusado contra o Concello de Muras, declarando que a súa relación laboral era indefinida non fixa.
A “contundencia” da declaración dos feitos probados, segundo subliña a Audiencia, “devén da proba documental, pericial e testifical practicadas no xuízo oral”.