InicioTerra CháMurasInhabilitado o exalcalde de Muras polo PP, Issam Alnagm, para 9 anos...

Inhabilitado o exalcalde de Muras polo PP, Issam Alnagm, para 9 anos e medio por prevaricación

Os xuíces aseguran que tiña "pleno coñecemento de actuar á marxe do ordenamento xurídico e vontade de facelo", así como que sabía "que ocasionaba un resultado materialmente inxusto coa súa actuación".

PUBLICADA O

- Advertisement -

A sección segunda da Audiencia Provincial de Lugo inhabilitou a Issam Alnagm, quen fose alcalde de Muras co PP, para todo cargo público con facultades de contratación por cometer un delito continuado de prevaricación administrativa. A pena imponse durante un período de nove anos e medio.

Segundo informou o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG), considérase probado que, entre 2012 e 2015, o acusado, na súa condición de rexedor municipal, subscribiu con diversas persoas contratos laborais de carácter temporal, “prescindindo total e absolutamente de calquera tipo de procedemento que garantise os principios constitucionais de igualdade, mérito e capacidade para o acceso á función pública”.

Ademais, subliña que o procedemento era inexistente, “sen publicidade das bases e convocatoria”, e que a contratación era realizada “por el mesmo, segundo a súa libérrimo criterio”.

Os xuíces aseguran que tiña “pleno coñecemento de actuar á marxe do ordenamento xurídico e vontade de facelo”, así como que sabía “que ocasionaba un resultado materialmente inxusto coa súa actuación”.

ADVERTENCIAS DA INTERVENTORA

O alcalde levou a cabo as contratacións, segundo a sentenza, “a pesar das advertencias da secretaria-interventora do Concello, quen llas realizou verbalmente e por escrito”.

Os maxistrados sinalan que lle indicou que a Alcaldía era “un órgano manifestamente incompetente para a súa realización, aclarando que o órgano habería de ser colexiado e que non podería o alcalde formar parte do mesmo por ser persoal de designación política”.

Ademais, a secretaria advertiulle de que “a maior parte do persoal viña concatenando contratos de traballo de duración determinada, desde o día 1 de xaneiro ao 31 de decembro de cada ano, a pesar de que se trataba de cubrir necesidades permanentes do servizo”.

“CONTUNDENCIA” DOS FEITOS PROBADOS

Na resolución destacan que, como resultado, os xulgados do social de Lugo estimaron diversas demandas formuladas por persoas así contratadas polo acusado contra o Concello de Muras, declarando que a súa relación laboral era indefinida non fixa.

A “contundencia” da declaración dos feitos probados, segundo subliña a Audiencia, “devén da proba documental, pericial e testifical practicadas no xuízo oral”.

+ posts

ÚLTIMAS

O profesor acusado de presunto abuso sexual no colexio Albeiros di que todo é unha “confabulación”

A Audiencia Provincial de Lugo acolleu este martes a primeira xornada do xuízo que...

O PP de Lugo solicita unha prórroga para presentar alegacións ao Plan de Mobilidade

O Grupo Municipal do Partido Popular no Concello de Lugo solicitou ao goberno local,...

A Semana Santa de Lugo sairá á rúa con 12 procesións e o apoio da Deputación

O deputado de Promoción Económica e Social da Deputación de Lugo, Pablo Rivera Capón,...

Declaración de Praia, reforzo entre mandatarias locais de Galicia, Cabo Verde e Mozambique

O II Encontro Internacional de Mulleres Electas ‘As Elixidas’, celebrado na cidade de Praia,...