InicioSociedadeAs rapazas tamén poderán estudar no seminario menor de Lugo a partir...

As rapazas tamén poderán estudar no seminario menor de Lugo a partir do próximo ano

O centro educativo abrirá como colexio diocesano de carácter privado. As dioceses constatan a "urxencia dunha aposta educativa renovada" nun contexto marcado polos "constantes cambios lexislativos"

PUBLICADA O

- Advertisement -

Os seminarios menores de Lugo e Santiago abrirán, a partir do próximo curso 2021-2022, os seus centros educativos como colexios diocesanos de carácter privado, o que se traducirá en que poderán contar non só con alumnos senón que tamén poderán acceder a cursar neles os seus estudos de Educación Secundaria Obrigatoria (ESO) e Bacharelato aquelas alumnas que o desexen.

A Diocese de Lugo emitiu un comunicado no que se incide nas “grandes transformacións” que nos últimos anos experimentou a sociedade, “especialmente no ámbito do ensino”. Como exemplo, aluden aos “constantes cambios lexislativos, ata a recente aprobación” da última norma educativa estatal, a coñecida como ‘Lei Celáa’, cuxa tramitación estivo marcada pola polémica co foco en cuestións, por exemplo, como a retirada de fondos públicos a centros que segregan por sexo.

“Todos percibimos a urxencia dunha aposta educativa renovada”, recolle o comunicado. “O Papa Francisco, moi consciente dos desafíos que se presentan á educación nestes momentos, pediu expresamente a adhesión a un Pacto Educativo Global, a comprometerse ‘con valentía para dar vida, nos nosos países de orixe, a un proxecto educativo, investindo nosas mellores enerxías e iniciando procesos creativos e transformadores en colaboración coa sociedade civil”, engade.

“Esta era xa a tradición da que proveñen os nosos seminarios en Galicia, tamén en Santiago e Lugo, e parécenos a nosa responsabilidade continuala hoxe en forma renovada e actual. Estamos convencidos de que a súa identidade católica e a súa traxectoria educativa é unha riqueza singular que habemos de ofrecer nestas circunstancias á nosa sociedade”, agrega o comunicado.

COLEXIOS DIOCESANOS

Por este motivo, infórmase de que a partir do próximo curso estes centros de Santiago e Lugo abriranse como colexios diocesanos, de carácter privado, “a todos os alumnos e alumnas que, aceptando o ideario do centro, queiran realizar neles a formación de ESO e Bacharelato”. Fontes consultadas por Europa Press ratificaron que tamén seguirán funcionando como seminarios.

“Como parte da Igrexa en Galicia, presente de moitos modos no ensino ao longo dos anos, queremos así pór a disposición das familias un novo espazo educativo, do que estamos seguros que será moi conveniente e unha verdadeira riqueza tamén para os nosos seminarios menores”, conclúe o comunicado.

+ posts

ÚLTIMAS

OPINIÓN: Aval definitivo ao “valor de referencia”

QUE É O VALOR DE REFERENCIA? Comecemos polo principio abordando brevemente que é isto do...

Os GES toman Lugo para esixir recoñecemento laboral e ameazan con folga se non hai solución

Bombeiros dos corpos dos Grupos de Emerxencia Supramunicipais (GES) concentráronse este martes ante a...

O PP provincial acusa a Carmela López de manter “as imposicións” de Tomé sobre os traballadores de Tragsa

Os deputados do Grupo Provincial Popular lamentan que Carmela López perdera hoxe “unha oportunidade...

A Xunta nega “colapso” no HULA e atribúe a morte de dous pacientes a súa situación “moi delicada”

A área sanitaria de Lugo desmentiu que o servizo de urxencias do Hospital Universitario...