O total de casos activos por coronavirus na área sanitaria de Lugo continúa á baixa, ao rexistrarse este martes 15 de decembro 470 pacientes con infección activa (16 menos ca onte). Segundo o reconto ofrecido polo Sergas diariamente, en Lugo confirmáronse só 10 novos casos de Covid-19 a través de PCR nas últimas 24 horas. Nos días anteriores, esta cifra bailaba arredor da vintena.
En canto ás hospitalizacións, apenas hai cambios: son 26, fronte ás 27 de onte. Deles, seis pacientes seguen na UCI do HULA. Os outros están a ser atendidos en planta, distribuídos da seguinte maneira: doce no HULA, tres no Hospital da Mariña e cinco en Monforte.
Ademais, a provincia xa alcanzou os 140 falecidos oficiais dende o inicio da pandemia. O último foi un home de 79 anos que finou no Hospital Universitario Lucus Augusti.
Pola contra, 28 persoas recibiron a alta médica nesta última xornada, de forma que xa hai 6.041 pacientes curados. Ata o momento fixéronse 113.810 PCR (795 onte).