O rural tamén se baleira así: estudantes que marchan vivir ás cidades pola falta de transporte público

Un informe da Confederación de Anpas Galegas evidencia as desigualdades que sofre o alumnado de zonas non urbanas. Piden unha maior oferta de transporte gratuíto que se manteña máis alá dos niveis educativos obrigatorios.

Autobús de Monbus | Wikimedia

“O transporte escolar é o gran problema do ensino público”. Así comeza o longo estudo que a Confederación de Anpas Galegas vén de presentar a respecto dunha realidade con escasa atención ata o momento. O informe en cuestión, que segundo destacan vén de ser enviado á Consellería de Educación, fai fincapé de xeito detido nunha serie de dificultades que, destacan, rematan por agravar a fenda que separa estudantes urbanos e do rural.

Aínda que a denuncia fundamental das Anpas galegas céntrase no caso de pequenas poboacións rurais, a cuestión do transporte escolar abrangue á totalidade do territorio galego. E, en particular, ao estudantado dos niveis de educación non obrigatoria.

“Identificar ensino obrigatorio con transporte escolar é negar a realidade, que é exactamente o que fai a Consellería de Educación”, explican. “Sabemos que o bacharelato, ou os ciclos de FP non son obrigatorios, pero iso significa que  administración non ten que favorecer a súa oferta?”, pregúntanse.

A “DESIGUALDADE” DO RURAL

A cuestión central do informe, con todo, ten por obxectivo a mala situación do alumnado rural, que por razóns de dispersión e infraestruturas adoita telo máis difícil para achegarse ao seu centro de estudos. “O estudantado non universitario da zona rural nunca estivo nas mesmas condicións de igualdade ca o resto do alumnado galego”, destacan no informe.

Estas dúas circunstancias, falta de transporte exclusivo e mala comunicación no rural, provoca que, de acordo con conclusións do estudo, “o alumnado galego de zonas rurais está en clara desvantaxe á hora de acceder ao ensino preuniversitario non obrigatorio”. Segundo destacan, “hai unha importante deficiencia nas conexións de transporte público entre as zonas rurais e os centros de ensino non universitario de referencia”, o que provoca que os rapaces “abandonen o medio rural” ou vexan como “diminúen aínda máis as súas oportunidades”.

Podes ler a información completa no Galicia Confidencial.

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here