InicioSociedade"Un neno en Navia é un tesouro. A casa-niño vaille dar vida...

“Un neno en Navia é un tesouro. A casa-niño vaille dar vida e alegría á xente”

A educadora infantil Silvia Saavedra será a responsable deste servizo totalmente gratuíto que abrirá proximamente na Proba de Navia. "É a maneira perfecta de poder quedar aquí facendo o que me gusta", explica.

PUBLICADA O

- Advertisement -

Ás veces a ilusión por emprender un proxecto é tan grande que incluso atravesa a liña telefónica e contaxia a quen escoita do outro lado. Pasou onte durante a conversa con Silvia Saavedra, unha rapaza de 25 anos de Navia de Suarna que proximamente abrirá unha casa-niño na vila. “En Navia é onde quero tar”, di seguidiño. “Eu tiven a sorte de poder volver, facer o que me gusta e encima aportar o meu gran de area”.

A rapidez coa que fala parece síntoma da ansia que ten por poñer a andar o servizo na Proba. Aínda que de momento non hai unha data fixa de apertura, esta educadora infantil xa soña en alto. “Un neno en Navia é un tesouro. Imaxino saír con eles, saudar os veciños… e creo que iso lle dará vida e alegría á xente do pueblo”.

UN SERVIZO PARA O RURAL

A casa-niño é un servizo de atención á infancia pensado para concellos de menos de 5.000 habitantes. Este sistema, que está dirixido a nenos e nenas de ata 3 anos, é totalmente gratuíto para as familias ao estar subvencionado pola Xunta de Galicia e os Fondos FEDER. “Estaremos en grupos pequenos e tratarei de saír moito con eles á natureza. Aquí temos uns recursos que son unha pasada e a eles viralles xenial”.

Seguramente as nenas e nenos que acudan á casa-niño de Navia non o farán tanto por unha necesidade de conciliación familiar senón máis ben por unha posibilidade de socialización entre eles. “Aquí xa hai poucos nenos, e os poucos que hai apenas se ven nin xogan uns cos outros. Ademais, se tes un fillo e queres levalo a unha escola infantil, o máis cerca é Lugo (1 hora) ou Becerreá (30 minutos)“.

“NAVIA É O MEU SITIO”

Tamén Silvia Saavedra tivo que marchar a Lugo no seu día para estudar o Bacharelato, xa que o cole de Navia non ofrecía máis alá da Educación Secundaria. Foi daquela cando máis sentiu que había algo nela que enraizara nos Ancares. “Desde o primeiro día tiña claro que non estaba a gusto”, confesa. Nun principio botáballe a culpa á rutina das clases ou á propia cidade de Lugo, pero despois de sete anos fóra da casa deuse conta: “O que me pasaba era que quería tar aquí, en Navia. Este é o meu sitio”.

Cursou o ciclo superior de Educación Infantil e coñeceu a opción das casas-niño. “É a maneira perfecta de quedar aquí facendo o que me gusta. Oxalá se apostara por máis cousas así, máis axudas para que a xente nova poida empezar proxectos no rural sen ter que facer un investimento enorme”.

MOCIDADE ACTIVA

Se cadra ese é o camiño para asentar poboación nos concellos con menos habitantes. Alí, nos Ancares, hai un sentimento de pertenza que chama a atención máis alá dos lindes da comarca. “Hai moitísima xente nova facendo cousas! Creo que é guai que vaiamos vindo uns, porque así tamén tiramos por outros. Agora, por exemplo, un amigo meu tamén está pensando en volver, porque xa sabe que estou eu ou outra amiga. Ao final Navia non tá tan lejísimos nin tan illada”.

Alí pódese vivir, insiste. Ela déixao claro: “hai vida”. E a casa-niño aínda lle ha dar máis.

ÚLTIMAS

O BNG propón destinar os 250 millóns de Altri a un plan para revitalizar as comarcas da Ulloa, Ulla e Arousa

A líder do BNG, Ana Pontón, propón que "os 250 millóns de euros que o...

Altri reúnese coa Asociación Agraria de Galicia e reivindica a sustentabilidade ambiental do seu proxecto

Membros do equipo directivo de Greenfiber (Altri), a compañía que proxecta unha fábrica de...

Rouban a anciáns en Palas de Rei mediante o método do abrazo cariñoso

A Garda Civil de Lugo alertou dun delito de furto co método do abrazo cariñoso tras o roubo...

Denunciados os donos de dous cans que atacaron a un viandante e á súa mascota en Lugo

Axentes da Policía Local de Lugo tramitaron denuncias contra os donos de dous cans que...