Membros do equipo directivo de Greenfiber (Altri), a compañía que proxecta unha fábrica de fibras téxtiles en Palas de Rei, reuníronse con representantes da Asociación Agraria de Galicia (Asaga) para explicarlles de primeira man a súa iniciativa e reivindicar a sustentabilidade da mesma. Durante a presentación técnica, o director do proxecto, Bruno Dapena, destacou que a planta de Palas de Rei “será a primeira do mundo que integre os dous procesos necesarios para a produción de lyocell”, unha fibra téxtil 100 % biodegradable.
Ademais, incidiu en que a fábrica, que integrará tecnoloxías punteiras para asegurar a sustentabilidade ambiental do proxecto “máis aló do que establece a lei”, achegará unha resposta a dous grandes problemas da industria téxtil, “como son a pegada de carbono e a xestión de residuos ao final da súa vida útil”. Tal como recolle a compañía nun comunicado, o presidente de Asaga, Francisco Bello, coincidiu na necesidade de apoiar alternativas que favorezan o aproveitamento e a transformación da madeira na propia Comunidade.
PLENO DE LUGO
Con todo, noutra orde de cousas, o pleno municipal do Concello de Lugo aprobou a proposta do BNG contra a planta de Altri en Palas. Segundo informan os nacionalistas, o seu portavoz, Rubén Arroxo, afirmou que os veciños da cidade “están a mostrar o seu rexeitamento a un proxecto que non é nin sustentable nin moito menos circular”. Por iso, pediu á Xunta o desenvolvemento dunha alternativa para a dinamización socioeconómico da comarca da Ulloa, para fomentar actividades sustentables que xeren emprego e fixar poboación.