
EFE | Os hospitais públicos da área sanitaria de Lugo, A Mariña e Monforte de Lemos elaboraron un mural no que, baixo o título “Moitas grazas pola solidaridade social”, agradecen a empresas e entidades que colaboraron de forma altruísta cos tres centros hospitalarios para superar a situación de emerxencia sanitaria provocada polo coronavirus.
O mural será exposto en zonas visibles dos centros e nel aparecen citadas todas as entidades que, dun modo ou outro, colaboraron co HULA, co Hospital Público da Mariña e co de Monforte de Lemos.
En total, son máis dun cento de entidades, entre empresas privadas de diferentes ámbitos, cadeas de distribución e marcas de alimentación, colectivos sen ánimo de lucro, organizacións sectoriais, centros educativos e institucións públicas.
Ata barberías, empresas de enerxía renovable e escolas de baile figuran nesa lista de entidades que, de modo altruísta, axudaron ao servizo de sanidade pública durante a pandemia. EFE