InicioSociedadeCase un mes na UCI con coronavirus: "Só teño palabras de agradecemento...

Case un mes na UCI con coronavirus: “Só teño palabras de agradecemento para o persoal do HULA”

O lucense Quique Iglesias botou 45 días ingresado, dos cales 26 foron na unidade de críticos. Agora que xa se foi recuperando na casa, relata a súa experiencia en conversa co Lugo Xornal e asegura que cumprirá a súa promesa de dar un concerto de 'Quique SuperStar'.

PUBLICADA O

- Advertisement -

Quique Iglesias vén de facer 61 anos. Agasallárono cunha guitarra eléctrica que lle fixo moita ilusión. A celebración da vida é dobre, porque á alegría propia dun aniversario sumóuselle agora o alivio de saberse a salvo logo dun par de meses co “bicho” no corpo. Este lucense botou 45 días ingresado no Hospital Universitario Lucus Augusti (HULA), dos cales 26 foron na Unidade de Coidados Intensivos. Toda unha “lección de vida”, di, da que destaca especialmente o agradecemento para todo o persoal hospitalario.

Ese foi o ‘leit motiv’ dos textos que foi publicando no Facebook a xeito de diario, un relato en primeira persoa que agora amplía en conversa co Lugo Xornal. “Ao principio non tiven síntomas respiratorios”, comeza, “só dores musculares moi fortes”. O picor de gorxa e a sensación de afogo non tardaron en aparecer e en agravarse, de modo que o equipo sanitario que seguía a súa evolución no domicilio decidiu o ingreso no HULA.

Aos poucos días da entrada en planta, un episodio de dispnea grave motivou o seu traslado á unidade de críticos, de onde xa non sairía ata 26 días máis tarde. “Ían intubarme e inducirme o coma. Dicían que serían dúas ou tres semanas, pero eu pensaba ‘ou para sempre…'”. Dos dezaoito días que permaneceu en coma, non ten ningún recordo nin sensación. “Hai xente que di sentir cousas, pero no meu caso foi como morrer. O primeiro do que me acordo é dunha chamada da miña muller. Ela e un fillo déronme ánimos“, prosegue Quique.

COIDADOS “EXCEPCIONAIS”

“Estiven 35 días sen ver unha cara. Aprendín a diferenciar os traballadores polos ollos e pola voz”, salienta, para axiñar volver insistir no agradecido que está a todo o persoal sanitario, de limpeza, de cociña, etc. Asegura que alí os coidados son “excepcionais” e o equipo é “súper cariñoso, profesional e entregado”, moi delicado á hora de ofrecer “información veraz, pero optimista” á súa familia. “Só teño palabras de agradecemento”, reiteraba.

De feito, conta que chegou a pedirlles perdón a todos os traballadores que o atenderon na UCI, onde sufriu un “delirio psicótico” durante catro días logo de espertar do coma. “Pensaba que estaba secuestrado nun centro experimental en Italia. Gritaba todo o día, deilles moito a murga, pero eles dixéronme que era normal en pacientes que pasaran por un coma inducido”, explica.

Volta á planta [no vídeo anterior] e, finalmente, volta á casa. “Foi moi emocionante. Os meus catro cans case me tiran cando me viron no coche”, ri. Aínda así, tampouco foi doado. Confesa terse sentido un estraño os primeiros días na súa vivenda, con medo todo o tempo. “Foron moitos días de hospital e xa estaba acostumado a aquelas rutinas. Alí sénteste a salvo, sabes que xa che salvaron a vida varias veces e que sempre hai alguén ao outro lado do timbre”.

A PROMESA DE QUIQUE SUPERSTAR

Algo máis de catro semanas despois de regresar ao seu domicilio, Quique xa se atopa moito mellor. Chegara a perder 21 quilos e non podía andar por si só, pero actualmente xa case fai vida normal se non fose por unha parálise que lle impide mover parte da man dereita.

Ten ganas de recuperar a mobilidade completa para estrear con xeito esa guitarra eléctrica coa que o agasallaron no recente 61º aniversario. Tocar e compoñer música son dúas das súas grandes paixóns e, por iso, dende o hospital lanzaba unha mensaxe de esperanza para os seus coñecidos, que tanto apoio lle mandaron a través das pantallas. Prometía volver con forza e ofrecer un concerto de Quique SuperStar, personaxe creado durante unha etapa súa á fronte dun pub lucense. “Vou dar ese concerto. É algo que me debo a min e aos meus amigos. Teredes noticias”, remata.

ÚLTIMAS

Desatascar a praia fluvial e as obras da Rolda Este, compromisos acadados entre Xunta e Concello

A Xunta de Galicia e o Concello de Lugo alcanzaron compromisos, tras unha reunión conxunta mantida este martes,...

A Deputación de Lugo vende cinco parcelas en dous polígonos industriais da provincia

Cinco novas parcelas industriais foron adquiridas nos polígonos de Paradela e Begonte nunha operación...

Dous mozos golpean no parque Rosalía de Castro a un home tras un altercado con dúas mozas por motivo de cartos

Un home maior foi golpeado brutalmente no parque Rosalía de Castro de Lugo por...

Cachan a dous condutores de patinete eléctrico borrachos en Lugo, un deles superando o límite penal

A Policía Local de Lugo detectou ao longo da semana pasada a dous condutores de patinete eléctrico...