InicioSociedade"O máis importante que podemos facer durante o confinamento é poñer o...

“O máis importante que podemos facer durante o confinamento é poñer o foco no autocoidado”

A psicóloga e psicoterapeuta lucense Andrea Villar dános algunhas das chaves para coidar a nosa saúde mental durante estes tempos de corentena. Ter en conta as nosas emocións, establecer rutinas horarias, facer exercicio físico, dedicar tempo ao lecer... Pero que pasaría se finalmente se confirma a prórroga do estado de alarma? Estamos preparados?

PUBLICADA O

- Advertisement -

Coidar a nosa saúde mental é fundamental sempre, pero moito máis nestes días estraños nos que nos vemos obrigados a pecharnos nas casas durante quince días polo menos. O confinamento, a sensación de inseguridade ou alarma e as preocupacións económicas derivadas da pandemia do coronavirus poden ter fondas consecuencias a nivel psicolóxico, especialmente para aquelas persoas que xa sufrían tendencia á ansiedade. Por iso, “o máis importante que podemos facer durante o confinamento é poñer o foco no autocoidado”.

A psicóloga e psicoterapeuta Andrea Villar | ALX

Así o explica a psicóloga e psicoterapeuta Andrea Villar, que traballa nunha consulta do centro de Lugo. “Esta vivencia ten certas características que fan que sexa percibida como perigosa e ameazante e, polo tanto, actívase a nosa resposta automática de protección: o medo”, aclara. “É normal sentir medo, sentir rabia, sentir tristeza”, pero o óptimo sería expresar esas sensacións con tino, botalas fóra para que non nos desborden nin paralicen.

“Coidar das nosas emocións tamén significa non sobreexpoñerse a telexornais e recontos impactantes. É saudable atopar un equilibrio entre estar informado e protexer a parte que ten medo“, engade esta psicóloga. Nese sentido, recomenda filtrar moi ben as canles de información que escollemos para evitar caer no alarmismo das noticias falsas ou nas trolas difundidas moitas veces a través das redes.

“é normal sentir medo, rabia ou tristeza”

RUTINAS HORARIAS, LECER, EXERCICIO FÍSICO E MEDITACIÓN

Se ben a corentena será complicada —cómpre ser conscientes disto—, o certo é que existen maneiras de diminuír os efectos negativos no noso estado de ánimo. Os consellos dos expertos están dirixidos a crear rutinas coas que se manteña o corpo e a mente activos.

Do mesmo modo, Andrea Villar aposta, primeiramente, por estruturar o tempo de forma que os nosos horarios non disten demasiado dos que seguimos habitualmente. “Ter unha boa hixiene do sono (deitarnos e levantarnos como de costume), asearnos pola mañá igual ca antes, establecer obxectivos diarios con actividades que nos propoñemos realizar…” De feito, o desenvolvemento de tarefas profesionais ou académicas ha de ser de gran apoio, segundo asegura. Outra alternativa sería canalizar a enerxía “cara a proxectos do fogar, como unha organización profunda”.

Dentro desa estruturación horaria, é aconsellable reservar un tempo para aquelas actividades de lecer que quizais tiñamos máis esquecidas. “Pintar, facer manualidades, ver filmes pendentes, a cociña, a repostería…” ou calquera outra cousa que nos proporcione pracer e evasión.

Mensaxes de ánimo nun balcón en Vigo © Miguel Nuñez

Nesa mesma liña, o exercicio físico será esencial “para compensar o sedentarismo” ao estarmos na casa. “É un dobre beneficio para o noso corpo e a nosa mente, e pode contribuír enormemente a reducir o nivel de ansiedade“, especifica Villar, que lembra que hoxe en día dispoñemos de infinidade de recursos audiviosuais con propostas de exercicio para realizar no fogar.

Por último, canda o coidado das emocións, Andrea Villar recomenda probar a meditación e relaxación. Isto servirá, sobre todo, para aquelas persoas con maior risco de ansiedade. Este método “estimula a rama parasimpática do sistema nervioso e obriga o noso corpo a calmarse”.

SE SE PROLONGA O CONFINAMENTO…

Pero que ocorre se finalmente hai unha prórroga do estado de alarma, como todo parece indicar? Será un shock máis doloroso? Estamos preparados para afrontar ese novo golpe? “Sería razoable que todos e cada un de nós comezásemos a ter isto en mente para poder ir asimilándoo”, adiántase Andrea Villar.

Así e todo, ela cre que o anuncio dunha prórroga da corentena non suporía o mesmo impacto psicolóxico ca o actual, “porque a conmoción inicial estámola a experimentar nestes primeiros días”. Non obstante, os prexuízos na saúde mental serán maiores canto máis prolongado sexa este período, como consecuencia do denominado “efecto acumulativo”.

PREVÉ UNHA MAIOR DEMANDA DOS SERVIZOS DE PSICOTERAPIA

COÑECER PARTES NOSAS QUE NON SABIAMOS QUE TIÑAMOS

En calquera caso, Villar lembra que moitos psicólogos e psicólogas continúan a ofrecer os seus servizos vía telemática, en caso de precisarse. “Nunha situación estresante coma esta, as secuelas emocionais e o estado de maior vulnerabilidade no que nos deixará  a moitos de nós seguramente nos impulse a demandar aínda máis o servizo da psicoterapia”, prevé.

Non é doado, pero Andrea Villar cre firmemente na “extraordinaria capacidade do ser humano para sobrepoñerse a circunstancias adversas”. Busca un fío de luz nestas circunstancias e atópao: está convencida de que tal experiencia nos pode axudar “incluso a descubrir e poñer en valor partes nosas resistentes e valiosas coas que non sabiamos que contabamos“.

ÚLTIMAS

Morre nun parque de Lugo un home de 37 anos tras ser atopado semiiconsciente

Un home de 37 anos faleceu o sábado pola mañá en Lugo tras ser atopado...

A alcaldesa de Lugo agradece a inclusión do Museo da Romanización nos Orzamentos da Xunta

A alcaldesa de Lugo, Paula Alvarellos, mostrou a súa satisfacción pola inclusión dunha partida...

A montaña de Lugo amence con neve e temperaturas inferiores a -2

Comarcas do leste galego, nas provincias de Ourense e Lugo, anotaron nas últimas horas...

A Deputación premiará con 1.600 euros ás mellores fotos das Reservas de Terra do Miño e Os Ancares

A Deputación de Lugo abriu xa a incripción ao VIII Concurso de Fotografía de...