A titular do Xulgado de Instrución número 1 de Lugo, Pilar de Lara, abre a posibilidade de recorrer a sanción do CXPX ante o Tribunal Constitucional ou no Tribunal Europeo dos Dereitos Humanos en caso de que o Tribunal Supremo non estime o recurso presentado.
O avogado da xuíza, Agustín Azparren, confirmou que de momento “segue pendente a petición da medida cautelar de suspensión da execución“, en relación ao castigo de sete meses e un día que lle impuxo o Consello Xeral do Poder Xudicial (CXPX). Dita sanción implica perda de destino por dilacións “indebidas” e “desatención” nas causas que leva, como a ‘Carioca’ ou a ‘Pokémon’.
Azparren constatou que este martes o Supremo deu traslado ao expediente completo do CXPX. “Agora ábrese un prazo de 20 días para facer o recurso, para formalizalo en canto ao fondo do asunto, en canto á discusión das faltas disciplinarias”, engadiu.
“UNHA XUÍZA MOI TRABALLADORA”
En canto ao fondo do recurso, para o que teñen 20 días, exporase que “non é un caso de desatención, no sentido que Pilar de Lara é unha xuíza moi traballadora, con moita dedicación e por tanto é todo o contrario á falta que se lle imputa de desatención”.
Outras premisas que se expoñerán no escrito pasan por “cuestionar a lexitimidade do Consello Xeral do Poder Xudicial, relacionado co que o grupo de estados contra a corrupción do Consello de Europa veu advertindo a España sobre que o sistema de elección deslexitima ao consello”.
Finalmente, Agustín Azparren precisou que estes “argumentos” se orientán máis cara aos camiños que se abrirían “se o Tribunal Supremo non estima o recurso queda a vía do Constitucional ou do Tribunal Europeo de Dereitos Humanos”.