A Deputación de Lugo aprobou este venres a adxudicación de dous proxectos para continuar mellorando a rede viaria provincial: por unha banda, arranxarase unha estrada no concello de Pantón e, pola outra, deuse luz verde aos traballos de transformación da Avenida Adolfo Suárez en Lugo, “un dos principais accesos á capital lucense pola zona da Fervedoira e que é moi empregado por todos os veciños e veciñas da provincia. Ambos proxectos ascenden a un importe conxunto de case 300.000€”, así o avanzou a Voceira socialista do Goberno Provincial, Pilar García Porto, tras a reunión semanal da Xunta do Goberno.
En primeiro lugar, adxudicouse por 103.963,88€ as obras de mellora da totalidade da LU-P-4104, a vía que vai de Seguín, por Pombeiro, aos Peares, no Concello de Pantón. O proxecto, do que se encargará a empresa OPAGA 003 SL, inclúe a rehabilitación dos máis de 15 quilómetros da vía. As actuacións previstas son: a reapertura de cunetas; o saneo da explanada; a reparación de danos e a repavimentación.
“Esta é unha estrada moi importante para os veciños e veciñas da zona porque conecta varias capelas, como a da Virxe das Neves ou a de San Antonio e, ademais, tamén dá acceso a importantes puntos turísticos da zona como o Miradoiro dos Peares; unha adega ou unha casa de turismo rural”, valorou García Porto.
A Voceira aproveitou esta rolda de prensa para recordar “que xa que estamos a falar da rede viaria da Deputación ao seu paso polo concello de Pantón, comentarvos que seguimos traballando para arranxar canto antes a LU-P-4103, a vía que foi danada polas intensas choivas. Na reunión do pasado venres iniciamos os trámites para comezar os traballos de rehabilitación e durante estes días os técnicos atópanse traballando en cuestións que afectan á vertedura de residuos. Nese sentido, temos previsto que as obras comecen xa entorno a Semana Santa”.
En segundo lugar, na reunión deste venres “adxudicamos por 177.358,20€ a primeira fase dos traballos na Avenida Adolfo Suárez de Lugo á empresa CHOLO SL”. García Porto recordou que “a institución provincial renovará integramente este acceso á capital da provincia por un importe total que supera os 800.000€” e fixo especial fincapé en que “é a entrada pola zona da Fervedoira, que, ademais, se converterá nunha das futuras conexións coa Estación Intermodal dende a autovía A-6”.
As actuacións que se van realizar nesta primeira fase do proxecto teñen que ver coa mellora do pavimento actual, a reposición dunha tubaxe de sumidoiros; o axuste de tapas, así como a substitución daquelas que se atopen deterioradas. Ademais, tamén se vai repintar a vía e reporanse as sinais.
Esta primeira intervención forma parte dun proxecto máis amplo no que tamén se inclúe unha segunda fase para dotar a este acceso de beirarrúas e dun trazado máis adecuado “isto mellorará o aspecto da zona leste da cidade e contribuirá directamente ao seu crecemento. Ademais, garantirá a accesibilidade e favorecerá unha mobilidade máis eficiente e segura para todos os veciños”.
Bases para catro prazas de peón
Por último, a Xunta de Goberno deste venres deu luz verde á aprobación das bases específicas para catro prazas de peón de reparación de vías provinciais. García Porto sinalou que “os postos serán de acceso libre polo sistema de concurso oposición”. A información poderá consultarse no Boletín Oficial da Provincia nas vindeiras semanas.
