A programación de Nadal de Deputación e Concello inclúe ata o día de Reis 14 actividades de balde. A campaña de animación no centro da cidade e de apoio ao comercio local rematará antes, este venres día 4, mentres que a da Rede Museística continúa ata o vindeiro día 9. Os Reis de Oriente pasan venres e sábado pola Praza de Abastos para recoller as peticións dos máis cativos.
Melchor, Gaspar e Baltasar agasallarán caramelos de comercio xusto a todos os nenos e nenas que se acheguen ata estas instalacións municipais a amosarlles os seus desexos. En concreto, na xornada de venres estarán de 17:30 a 19:30 horas, e o sábado, de 11:30 a 13:30 horas.
Coa visita das Maxestades de Oriente, o Concello pecha a programación do Nadal do Mercado Municipal e da Praza de Abastos, onde tiveron lugar distintas sesións do Obradoiro para aprender a facer regalos, no que participaron máis de 100 nenos e nenas de entre 4 e 12 anos ao longo da pasada e desta semana. Ademais, na Praza de Abastos habilitouse unha zona infantil, moi demandada nestas datas, coa que o Goberno deu resposta a unha demanda dos Orzamentos Participativos.
A cabalgata
A cabalgata partirá este sábado, 5 de xaneiro, ás 18:00 horas do Parque da Milagrosa. As Maxestades de Oriente, subidas en distintas carrozas inspiradas nos contos de Disney, xunto cos seus paxes, percorrerán a rúa Monte Faro, Avenida da Coruña, Porta de San Fernando, Praza de Ferrol, rúa Bolaño Rivadeneira, rúa Quiroga Ballesteros, Prazo de Santo Domingo, rúa da Raíña e Praza Maior. A comitiva estará composta por 4 carrozas.
Posteriormente, as Maxestades de Oriente saudarán aos presentes dende o balcón, e posteriormente atenderán un por un aos pequenos e pequenas que queiran transladarlles as súas peticións. Neste encontro, Melchor, Gaspar e Baltasar agasallarán aos nenos e nenas cuns 3.000 paquetes de lambetadas e repartirán máis de 2.000 quilos de caramelos.
A chegada dos Reis de Oriente estará amenizada por distintos grupos de música tradicional de Lugo, ademais dos nenos e nenas que participaron no obradoiro de panxoliñas organizado polo Concello no Vello Cárcere ao longo do Nadal. Os Festicultores pecharán esta xornada lúdica e festiva, especialmente dirixida aos cativos e cativas, na que tamén haberá animación con diversos personaxes fantásticos.
Vive o centro
– 17:00 a 20:00 horas: As personaxes de Nadal percorren as rúas do centro entregando caramelos e globos.
– 12:00 a 14:00 h. e de 17:00 a 20:00 h: Paseos en Cabaliños Mecánicos, pola Praza Maior.
– 17:00 a 20:00 h: Rei Mago recibe aos nenos na carpa da Praza Maior.
– 17:00 a 20:00 h: Obradoiro de Manualidades, Imos facer aos Reis Magos, na carpa da Praza Maior.
– 17:00 a 20:00 h: Obradoiro de Postais na carpa da Praza Maior.
Ranchos de Reis
O sábado, a escola tradicional O’Xeito fará unha representación dos Ranchos de Reis tradicionais, facendo danzas típicas de estas datas como da de Paus de Riofrio, arcos de Guláns, fitas de Pesqueiras… Será a partir das 17:00 polas rúas do centro de Lugo. Tamén participará o Ranchiño cos máis cativos da escola.
Mercado de Nadal
O Mercado de Nadal pechará ás súas casetas o día 5, véspera de Reis, ás 21.00 horas, non sen antes organizar unha gran xeira infantil baixo o nome Xornada de grandes xogos e outras aventuras, que se desenvolverá na Praza de San Marcos entre as 16.00 horas e as 20:00 horas.
Obradoiros do Museo Provincial
A inscrición aos obradoiros gratuítos está aberta ata esgotar as prazas, e debe formalizarse no Museo Provincial. Tamén continúa o programa Musavisitas pola Rede, que ofrece visitas guiadas gratuítas.
- 7 de xaneiro ás 11:00 horas: Antes e despois: o noso cómic. Obradoiro dirixido a rapaces de 6 a 14 anos (Club Pequeamig@s).
- 8 de xaneiro ás 17:00 horas: Muller do A ao Z. Obradoiro dirixido a mozos e mozas maiores de 16 anos (Club Ei!) .
- 9 de xaneiro ás 17:00 horas: Todxs pintamos, Todxs sumamos. Obradoiro dirixido a maiores de 55 anos (Club Senior).