InicioCulturaUn recoñecemento oficial para o lucense Yoe33, precursor e inspirador artístico na...

Un recoñecemento oficial para o lucense Yoe33, precursor e inspirador artístico na cidade

A distinción de "mellor mural do mundo do mes de xuño" pola plataforma Street Art Cities para a galaica "Copora" de Yoe33 esperta un desexo popular: que se recoñeza oficialmente o legado deste artista na súa terra

PUBLICADA O

- Advertisement -

Sempre o conto nos meus paseos guiados: o meu amor e admiración polos graffitis e a arte urbana naceu nos patios dos colexios e institutos de Lugo. Nacín no 1985, así que fun un dos tantos nenos que medramos nos 90 observando o auxe dunha expresión e cultura popular que noutros lugares do mundo tiña xa daquelas un longo percorrido, pero que, sen embargo, en poucos, tivo unha forza proporcional tan grande como a tivo en Lugo a partir deses tempos.

Nesas tardes de basket, futbito e aventuras viamos como outras rapazas e rapaces, das nosas idades ou un pouco maiores, sacaban os seus sprais das mochilas e experimentaban trazos nos muros da cidade. Personaxes de debuxos animados, ídolos deportivos, sinaturas tridimensionais, eran moitas as modalidades e variantes.

Un miraba con abraio e admiración ese talento, ao igual que admiraba o de Maradona, Fran, Jordan, ou o do crack do colexio. Como podían facer cousas tan marabillosas?

Pouco tempo despois naceu oficialmente o colectivo Concepto Circo, e nese momento moitas das lendas das rúas comezaron a escribir unha historia aberta ao público, á prensa e á sociedade… nacía en Lugo un movemento, un xermolo creativo do que varias décadas despois recollemos os mellores froitos.

Aí estaba Yoe33, Manuel Pallín, un precursor nacido nesta cidade no 1978 e que xa leva máis de trinta anos manifestando, amosando, o seu enorme talento como graffiteiro, muralista e dinamizador dunha xigante onda de expresión colectiva.

Graffiteiros, músicos, deseñadores de moda, creativos audiovisuais, tatuadores, son moitos os xenios que naceron da man de Concepto Circo ou inspirados por aquel grupo tan vangardista que nos facía sentir orgullo do noso.

Hoxe, no 2023, xa son catro anos dende que coñecín persoalmente a Yoe. Catro anos de observación, máis dende dentro que nunca, do movemento graffiteiro de Lugo…. que se xa me fascinaba antes, agora moito máis. Xusto é agora cando Manu recibe o premio ao mellor mural do mundo pola maior plataforma de arte urbana do mundo (Street Art Cities) e sinto que unha fermosa historia pecha un círculo e ao mesmo tempo abre moitos outros… Un dos pioneiros da arte urbana, un dos iniciadores deste gran valor contemporáneo de Lugo, recibe o maior galardón posible… é ben bonito e poético.

Por iso agora toca a seguinte proposta: non será a ocasión de homenaxear cun recoñecemento oficial (premios Lucenses do Ano ou Medallas de Ouro da cidade, por exemplo) o tremendo traballo e mérito dunha persoa tan relevante e importante do noso presente? Aí queda a idea.

ÚLTIMAS

Incendio nunha empresa de colchóns de Palas de Rei mobiliza un amplo operativo de emerxencias

Os servizos de emerxencias traballan na extinción dun incendio iniciado no exterior do recinto...

A Xunta só dá 10 días para consultar o expediente de Altri a 75 persoas interesadas

A Consellería de Economía e Industria recoñeceu a 75 persoas como interesadas no proxecto...

O PP lucense esixen a Tomé unha repartición “igualitaria” dos convenios da Deputación

Alcaldes e concelleiros do Partido Popular dos 67 concellos lucenses concentráronse este venres ante...

Dous detidos por estafar máis de 30.000 a unha empresa de Lugo

A Garda Civil de Lugo identificou a dous veciños de Cataluña que supostamente estafaron...