Os deputados do Grupo Provincial Popular critican a postura de PSOE e BNG dende o goberno da Deputación de Lugo, negándose a poñer en marcha unha oficina de asesoramento e captación de fondos europeos para os concellos da provincia.
O voceiro provincial popular, Antonio Ameijide, denuncia que “esta decisión, liderada por Carmela López, supón dar as costas a unha demanda prioritaria dos municipios lucenses, especialmente daqueles con menor capacidade económica e técnica”.
A proposta defendida polo Grupo Provincial Popular tiña como fin poñer en marcha un departamento específico para asistir aos concellos de xeito integral en todo o proceso de consecución de recursos públicos: dende o asesoramento estratéxico para identificar as convocatorias máis axeitadas para cada concello, pasando pola redacción de proxectos e a tramitación burocrática, ata a complexa fase final de certificación e xustificación para asegurar o cobro das partidas asignadas.
Antonio Ameijide defendeu que os concellos máis pequenos da provincia necesitan acudir a institucións superiores para encarar investimentos e proxectos que non poden asumir cos seus orzamentos ordinarios, “polo que os fondos que hai dispoñibles en Europa supoñen un impulso fundamental para os municipios máis pequenos”.
O voceiro popular destacou que en Europa existe un importante volume de recursos que, para estes municipios, “son complicados de acadar xa que carecen de persoal técnico e infraestruturas para tramitar as convocatorias e cumprir coas exixencias administrativas”.
Neste senso, os deputados populares puxeron como exemplo o que xa realizan outras deputacións de Galicia, como poden ser as de Ourense ou Pontevedra. “Mentres outras institucións provinciais avanzan neste cometido e mesmo concellos como o de Lugo contan con departamentos especializados, a Deputación de Lugo acumula dúas décadas sen implementar unha estrutura similar”, denunciou Ameijide, que engadiu durante o debate que “esta falta de respaldo técnico tradúcese noutra perda constante de oportunidades de desenvolvemento, emprego e asentamento de poboación no medio rural lucense”.
Finalmente, Antonio Ameijide destacou que “rexeitar esta proposta supón que a Deputación de Lugo non cumpra cunha das súas competencias fundamentais: colaborar cos concellos en condicións de igualdade e lealdade institucional, independentemente da súa cor política, para mellorar os servizos e a calidade de vida dos veciños de Lugo”.
APOIO AO PLAN XERAL DE NORMALIZACIÓN DA LINGUA GALEGA
Os deputados do Grupo Provincial Popular defenderon hoxe una moción na que pretendía que a Deputación de Lugo apoaise de forma unánime o seu apoio á actualización do Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega, aprobado no Parlamento de Galicia o pasado 7 de outubro, pero que “dende as filas do BNG empregaron para, unha vez máis, poñerse como propietarios da lingua galega e non ver o consenso ao que se chegou na defensa da lingua”.
Os deputados populares destacaron a importancia de manter o histórico escenario de consenso e unidade arredor do idioma, recordando que “o galego é a lingua propia de Galicia e as administracións públicas temos a obriga de garantir o seu uso normal e oficial, potenciando o seu emprego en todas as ordes da vida pública”.
A iniciativa, que se aprobou cos votos a favor de PP e PSOE e co voto en contra do BNG, tiña como fin respaldar o traballo impulsado polo Goberno galego no marco do Pacto pola Lingua, un proceso de diálogo no que participaron máis de 130 profesionais de diversos sectores e no que se recolleron máis de 1.400 achegas de institucións, entidades e particulares. O documento final, que inclúe preto de 700 medidas de promoción lingüística adaptadas ás novas formas de socialización, foi aprobado no Parlamento galego por unha amplísima maioría.
Para os deputados do Grupo Provincial Popular é fundamental que a Deputación de Lugo se sume a este gran pacto e traslade unha mensaxe clara de compromiso co idioma e coa convivencia lingüística.