O presidente do PPdeG, Alfonso Rueda, insistiu en “aspirar a todo” como “única receita” do éxito para os vindeiros retos electorais e augurou que Galicia será “o motor do cambio en España”, contribuíndo de maneira “destacada” á “vitoria” de Alberto Núñez Feijóo nas eleccións xerais do 29 de novembro.
Así o manifestou na Xunta Directiva Provincial do PP de Lugo, onde lles pediu aos populares lucenses “implicación, rapidez e traballo para demostrar como se fan as cousas no PP”. “As xerais gáñanse tamén en cada aldea, en cada localidade e en cada cidade galega”, afirmou. Rueda pronunciouse así durante a reunión, que presidiu xunto coa presidenta do partido na provincia, Elena Candia. Tamén participaron a secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado, e o presidente do PP local, Ramón Carballo.
O líder dos populares galegos puxo en valor os éxitos electorais de Lugo, a provincia “co mellor resultado de toda España” en 2023, un logro que anima a “superar” baixo o modelo de “estabilidade e moderación” do PPdeG, en contraste “co modelo do sanchismo de oito anos de caos e desfachatez”. Ademais, reprochoulles aos socialistas galegos e ao BNG que “sustenten este modelo sanchista”, así como a outras opcións como Fronte Amplio que, para o presidente do PPdeG, “son caras da mesma moeda”.
Para Rueda, as razóns polas que o presidente do Goberno, Pedro Sánchez, convocou agora eleccións baséanse en que “non lle saíu a xogada de tapar con dous decretos chapuceiros oito anos de inacción en vivenda”. Neste punto, lembrou que o presidente do Executivo central “volveu incumprir un ano máis o seu propio anuncio de presentar os Orzamentos Xerais do Estado” e que “cada día se coñecen máis detalles das diferentes tramas corruptas do Goberno”.
Para o presidente do PPdeG, Galicia fai “o que debería ser normal pero que, por desgraza, é cada vez máis excepcional: solucionar os problemas dos galegos e galegas”. Como exemplo, aludiu a medidas do Goberno galego como o plan de vivenda, co que se están a construír máis de 4.000 vivendas en toda a comunidade autónoma, das que 615 están proxectadas na cidade de Lugo.
Tamén se referiu á Atención Primaria, cun plan de choque impulsado polo Goberno galego para mellorala, así como á reforma e construción de novos centros de saúde, como os do Sagrado Corazón e A Milagrosa. No ámbito da lingua, lembrou “o acordo histórico polo galego para que ninguén se apropie dunha riqueza que é de todos”.
CANDIA: “LUGO XÓGASE MOITO NESTAS ELECCIÓNS”
Pola súa banda, Elena Candia proclamou que “Lugo xógase moito nestas eleccións” á vista dos “incumprimentos e débedas de Sánchez” coa cidade e coa provincia, especialmente en materia de infraestruturas. “Merecemos un Goberno empático co noso territorio e que dea resposta ás necesidades importantes de Lugo e da provincia”, engadiu.
A dirixente popular citou, entre outras cuestións, “o incumprimento dos prazos anunciados polo propio Goberno para a finalización da A-54”. “Xa perdemos a conta das veces que anunciaron o seu remate, pero a realidade é que seguimos sen conexión completa por autovía entre Lugo e Santiago”, afirmou.
Candia incidiu tamén no “incumprimento do anuncio do propio ministro, Óscar Puente, para a posta en marcha da nova estación de tren en Lugo”. “É unha mostra máis da falta de compromiso con Lugo, como poñen de manifesto a perda de frecuencias ferroviarias e de conexións con Barcelona ou o norte peninsular”, lamentou.