O voceiro do BNG en Lugo, Rubén Arroxo, e o único deputado no Congreso por esta formación, Néstor Rego, aseguraron este venres en Lugo que os nacionalistas son a forza “que está máis preto por puntos porcentuais” de lograr un segundo escano, segundo as últimas enquisas, e consideran que existe unha oportunidade real de arrebatarllelo ao Partido Popular na provincia de Lugo.
Os dous responsables do BNG, xunto coa tamén nacionalista Maite Ferreiro, fixeron na cidade un balance do traballo realizado pola formación en Madrid e chamaron a mobilizar o voto para reforzar a representación galega e “evitar retrocesos en dereitos sociais e democráticos”.
O Bloque Nacionalista Galego afronta a vindeira cita electoral co obxectivo de sumar un segundo deputado, nesta ocasión pola provincia de Lugo. Así o defendeu Rubén Arroxo, voceiro da formación na cidade, quen destacou que as últimas sondaxes sitúan o partido a entre dous e tres puntos porcentuais de conseguir o escano que actualmente correspondería ao Partido Popular.
Arroxo considera que a distancia é o suficientemente reducida como para converter ese obxectivo nunha posibilidade real e pediu traballar para que a cidadanía coñeza a importancia deste resultado. “Posiblemente sexa o momento máis próximo da historia para poder logralo”, afirmou, insistindo en que o BNG se atopa nunha posición “favorable” para disputar ese deputado na provincia lucense.
Para o BNG, a obtención dun segundo escano permitiríalle avanzar cara a un dos principais obxectivos da organización: dispor dun grupo parlamentario propio en Madrid “con maior capacidade de intervención e negociación”. Na súa opinión, o traballo desenvolvido por Néstor Rego durante esta lexislatura demostra que a presenza nacionalista no Congreso ten efectos concretos para Galicia, mesmo cunha representación limitada.
“Un só deputado do BNG conseguiu bastante máis que os 13 deputados do Partido Popular”, sostivo Arroxo, defendendo a visibilidade acadada por Rego e a súa actividade parlamentaria. Segundo explicou, o deputado nacionalista impulsou iniciativas e acordos relacionados con cuestións estratéxicas para Lugo, especialmente en materia de infraestruturas, transporte e comunicacións.
Arroxo puxo como exemplo os avances vinculados á electrificación ferroviaria entre Ourense e Lugo, cuxo impulso atribuíu ao acordo acadado polo BNG en 2020. Tamén lembrou o compromiso para continuar coa electrificación da liña entre Lugo e A Coruña, co obxectivo de modernizar unha conexión que, segundo denunciou, mantén características propias dunha infraestrutura do século XIX.
Outra das reivindicacións destacadas é a conexión ferroviaria entre Lugo e Santiago de Compostela. O voceiro sinalou que o BNG conseguiu impulsar o estudo de viabilidade desta conexión, que permitiría mellorar os desprazamentos entre ambas as cidades. Neste contexto, aludiu ás dificultades de transporte que afrontan numerosos estudantes para chegar aos seus campus universitarios e á falta de prazas suficientes nalgúns servizos de autobús.
O voceiro tamén se referiu á autovía A-54, que conecta Lugo con Santiago, e afirmou que os acordos promovidos polo BNG contribuíron a desbloquear o seu desenvolvemento. Así mesmo, destacou o papel da formación na oposición ao proxecto de Altri, unha iniciativa que considera “prexudicial para o territorio” e cuxa paralización ve necesario manter.
Pola súa banda, Néstor Rego defendeu o balance da formación durante a lexislatura e asegurou que o partido “cumpriu os compromisos adquiridos coa cidadanía galega”. Lembrou que o BNG se fixara tres: defender os intereses de Galicia e da clase traballadora, impulsar políticas sociais e ampliar dereitos, e actuar como freo fronte a posibles retrocesos democráticos e sociais.
O deputado sostivo que a actividade parlamentaria permitiu acadar avances en diferentes ámbitos, aínda que “algúns compromisos incluídos no acordo de investidura non se materializaron integramente, aínda que si se avanzou neles”. Neste sentido, atribuíu os incumprimentos á falta de actuación do Goberno estatal, aínda que asegurou que o BNG seguirá traballando para esixir que se cumpran as medidas pendentes.
Entre os avances que destacou figuran a ampliación das bonificacións nas autoestradas AP-9 e AP-53, o incremento dos fondos destinados á dependencia e a revalorización das pensións. Tamén se referiu á ampliación dos permisos de maternidade e paternidade, que pasaron de 16 a 19 semanas, aínda que o acordo de investidura prevía acadar as 20.
Insistiu na importancia de seguir defendendo unhas pensións dignas, especialmente en Galicia, onde lembrou que se atopan entre as máis baixas do Estado. Neste ámbito, reivindicou que as pensións mínimas contributivas aumenten por riba do índice de prezos de consumo para fortalecer o sistema público.
O deputado tamén criticou que o Goberno estatal deixase sen cumprir outros compromisos, como a redución da xornada laboral a 35 horas ou a derrogación íntegra da reforma laboral de 2012. Ao seu xuízo, estes incumprimentos poñen de manifesto a necesidade de que o BNG conte cunha representación suficiente para esixir resultados e condicionar as decisións políticas.
“MÁIS PESO DO BNG”
Rego defendeu que a presenza do BNG no Congreso resulta “determinante” para que os problemas e as reivindicacións de Galicia teñan espazo na axenda estatal. Como exemplo, referiuse ao debate sobre a transferencia da AP-9 e asegurou que a presión exercida pola formación foi clave para impulsar o cambio de posición do PSOE sobre esta cuestión.
O deputado sostivo que, “sen unha forza galega que defenda especificamente os intereses do país, as formacións estatais non prestarían a mesma atención ás súas necesidades”. “Movémonos nun contexto especialmente complexo”, advertiu, alertando “dos posibles retrocesos en materia social e democrática”. Neste sentido, criticou as propostas de recorte e privatización das pensións defendidas por sectores da dereita e reivindicou a necesidade de protexer os servizos públicos e os dereitos sociais. Ademais, chamou a participar na folga xeral convocada para o 11 de novembro como forma de reclamar avances sociais e laborais.
Rego insistiu en que a súa formación ofrece unha alternativa para quen está decepcionado con outras forzas políticas e considera que os compromisos adquiridos polo Goberno estatal non se cumpriron. “Tendo alternativa, ninguén se pode quedar na casa fronte a ese risco de involución social e democrática”, afirmou.