O programa “Un Gusto de Rural, un Rural Degusto” da Vicepresidencia da Deputación de Lugo promocionará a carne de razas autóctonas nas festas de Castro Riberas de Lea, Ludrio, Bonxe, Cela e Martul, que se celebran ao longo do mes de agosto.
As comisións apostaron por incluír as degustacións promovidas pola área de Rural nos programas das festas, ofrecendo un escaparate para a promoción da calidade destes produtos e para a posta en valor do traballo das ganderías locais que se comprometen coa recuperación e conservación destas razas galegas e co mantemento do territorio.
As degustacións contan coa colaboración das ganderías de vacún de razas autóctonas Cachenas de Antía de Outeiro de Rei e Gandería Taluco de Castro de Rei, de Gandería O Feral e Borja Campo, produtores de Porco Celta, e dos criadores de galiña de Mos Alberto Fernández, José Luis Freire e José Zapata, así como das asociacións gandeiras Boaga e Asoporcel que se encargan da loxística e da preparación das diferentes receitas.
O vicepresidente da Deputacíon de Lugo, Efrén Castro, destacou que “o programa de degustacións abriu unha posibilidade de promoción dos produtos de razas autóctonas que está resultando moi exitosa”.
Neste sentido destacou que “o mellor xeito de contribuír ao sostemento das ganderías de razas autóctonas é consumir os seus produtos . As festas populares contan cun público moi amplo e moi diverso, polo que son un bo escenario para facer esa labor de promoción”.
Castro Ribeiras de Lea, 10 de agosto
Degustación de bolos preñados de chourizo e xamón de Porco Celta, croquetas de galiña de Mos e hamburguesa de carne de vacún de raza Limiá. A partir das 15.45 horas.
Ludrio, 16 de agosto
Degustación de empanada de carne de galiña de Mos, xamón de Porco Celta e hamburguesa de carne de vacún de raza Limiá. A partir das 14.15 horas.
Cela, 21 de agosto
Degustación de hamburguesa de vacún de raza Cachena e xamón e bolos preñados de chourizo de Porco Celta. A partir das 22.00 horas.
Martul, 22 de agosto
Degustación de empanada de galiña de Mos e xamón e bolos preñados de chourizo de Porco Celta. A partir das 21.30 horas.
Bonxe, 23 de agosto
Degustación de hamburguesa de carne de vacún de raza Cachena e xamón de Porco Celta. A partir das 14.00 horas.
