A Presidenta da Deputación de Lugo, Carmela López, destacou este martes que combater a despoboación é unha ferramenta chave na prevención dos lumes. Unhas declaracións que realizou durante a presentación do Análise da relación entre despoboamento rural e cambio nos réximes de incendios do Sureste Europeo no Pazo de San Marcos. O informe, impulsado polo Eixo Atlántico e elaborado polo enxeñeiro forestal Juan Picos, sinala a revitalización do territorio como unha das principais ferramentas para reducir o risco dos grandes lumes.
Carmela López destacou que “na provincia de Lugo sabemos ben do que falamos cando falamos de incendios forestais. Vímolos xa este verán e sufrímolos nos últimos anos, con lumes que deixaron unha fonda pegada, especialmente na Ribeira Sacra”. “Este é o cambio de modelo que Galicia necesita. Non podemos conformarnos cun sistema que concentra os esforzos na extinción. A prevención debe ocupar o lugar central, con planificación, con recursos suficientes e cunha xestión activa do territorio durante os doce meses do ano”, argumentou.
Puxo sobre a mesa a Presidenta que “a ciencia confirma o que o rural leva moito tempo advertindo: o abandono do territorio, a perda da actividade agraria e forestal e o despoboamento aumentan o risco e fan que os incendios sexan cada vez máis difíciles de controlar. Esa realidade non admite improvisación, require políticas sostidas no tempo”. Sinalou que desde a Deputación “seguiremos asumindo as nosas responsabilidades: colaborando cos concellos, investindo no rural e contribuíndo a manter vivo o territorio”, pero que “Galicia merece unha política forestal á altura do reto que ten por diante”.
Dez anos de evolución demográfica e de incendios
O estudo, que presentaron o secretario xeral do Eixo Atlántico, Xoán Vázquez Mao, e o propio autor, analiza a evolución demográfica e os incendios rexistrados entre 2016 e 2026 en máis de 4.400 unidades administrativas de España, Francia e Portugal. Os datos obtidos confirman a estreita relación que existe entre o abandono do medio rural, o envellecemento da poboación e a proliferación dos grandes lumes forestais.
Segundo explicou Picos, o abandono da actividade agrícola, gandeira e forestal favorece a expansión das matogueiras, a acumulación de combustible vexetal e a perda da paisaxe en mosaico, un elemento clave para frear a propagación do lume. Factores aos que se suma o envellecemento, a perda de servizos básicos a diminución da capacidade de xestión do territorio ou o cambio climático, elevando o risco de incendios extremos.
Unha ferramenta para orientar as políticas locais
As medidas propostas no texto para frear esta tendencia pasan pola recuperación da actividade no sector primario, a conservación das paisaxes diversificadas, o impulso do relevo xeracional ou unha xestión que limite a acumulación de biomasa. Elaborado no marco do programa europeo SUDOE, este análise está dispoñible na web do Eixo Atlántico –https://www.eixoatlantico.com– e pon a disposición dos municipios de Galicia e o norte de Portugal unha ferramenta de referencia para orientar as políticas locais de prevención e de ordenación do territorio.
O Banco de Alimentos reparte na provincia 30.000 ducias de ovos cada ano grazas á Deputación
O Deputado Miguel Fernández visitou este martes a sede loxística que ten o Banco de Alimentos no polígono do Ceao e fíxolle entrega á súa presidenta, Amadora Núñez, do convenio de colaboración subscrito entre a súa entidade e a Deputación de Lugo. O acordo supón unha achega de 10.000 euros da institución provincial ao proxecto Merca de Ovos, que distribúe cada ano preto de 30.000 ducias de ovos entre arredor de 850 familias da provincia.
Merca Ovos é unha iniciativa do Banco de Alimentos que apoia economicamente a Deputación e que permite asegurar a distribución dun alimento básico, nutritivo e de gran demanda especialmente na alimentación infantil, pero que é fresco e perecedoiro, polo que apenas chega a través das doazóns. A Granxa Campomayor, afincada en Palas de Rei, subministra este produto ao Banco de Alimentos, cos que complementan os seus lotes.
“O Banco de Alimentos realiza un traballo imprescindible para que centos de familias poidan cubrir unha necesidade tan básica como é a alimentación. Desde a Deputación queremos seguir ao lado das entidades que chegan onde máis se lles necesita e que desenvolven un labor social exemplar”, destacou Miguel Fernández. Puxo en valor as tres décadas de existencia desta entidade, sostida polo traballo do voluntariado.
Na actualidade, segundo os datos do Banco de Alimentos, a entidade incorpora cada semana entre 60 e 85 novas unidades familiares, conta cunha media de 25 persoas voluntarias ao día, cifra que se eleva ata as 300 nas grandes campañas de recollida. Ademais de recibir e clasificar alimentos procedentes das diferentes doazóns, abastece gratuitamente ás familias derivadas polos servizos sociais municipais.
Fernández remarcou que “con este convenio, desde a Deputación reafirmamos o noso compromiso coas políticas de apoio ás persoas máis vulnerables e co fortalecemento de entidades sociais que contribúen a mellorar a calidade de vida da cidadanía”.
