InicioPolíticaA subida de tarifas ás rendas máis altas nas residencias provinciais enfrontan...

A subida de tarifas ás rendas máis altas nas residencias provinciais enfrontan a PPdeG con PSdeG e BNG

PUBLICADA O

- Advertisement -

A aprobación definitiva da nova ordenanza de prezos dos Centros de Atención a Maiores da Deputación de Lugo provocou un duro enfrontamento entre o Partido Popular e o goberno provincial de PSOE e BNG. Mentres os populares denuncian unha subida de ata 800 euros mensuais para algúns usuarios, o executivo provincial sostén que os incrementos só afectan a persoas cun elevado patrimonio e defende que o sistema é máis progresivo e xusto.

O portavoz provincial do PP, Antonio Ameijide, acusou ao goberno de aprobar “ás agachadas” a medida na Xunta de Goberno para evitar o debate público e a repercusión mediática. Segundo os populares, as novas tarifas suporán incrementos de ata o 60%, pasando nalgúns casos de 1.390 a 2.200 euros mensuais para usuarios dependentes e de 1.080 a 1.750 euros para non dependentes. Ademais, o PP critica a falta de transparencia na comunicación dos cambios, asegurando que as familias están a ser informadas de maneira individual e por teléfono para evitar unha resposta colectiva. Ameijide considera que a medida supón un “machadazo” para os maiores da provincia e reclama que se paralice a súa aplicación.

Fronte a estas acusacións, o deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera, cualificou as declaracións do portavoz popular de “deliberadamente falsas e socialmente irresponsables”. Rivera lembrou que a ordenanza foi aprobada inicialmente no pleno do 31 de marzo, nunha sesión pública, e que a aprobación realizada este venres responde unicamente o trámite administrativo definitivo tras o período de exposición pública.

O responsable provincial defendeu que as tarifas manteñen sen cambios as cotas das persoas con menores ingresos. Segundo explica, unha persoa cunha pensión non contributiva seguirá abonando ao redor de 545 euros mensuais, mentres que as variacións para quen perciben pensións medias serán mínimas. Ao seu xuízo, a actualización busca que quen dispoñen de maiores recursos económicos acheguen máis ao sostemento do servizo. Rivera tamén lembrou que as tarifas levaban oito anos sen actualizarse e que o novo sistema é “o máis progresista da rede pública galega”. Así mesmo, reprochou ao PP que critique unhas tarifas que “son inferiores nos tramos máis altos ás que aplica a Xunta de Galicia nas súas residencias”.

MÁIS DE 1,4 MILLÓNS PARA MELLORAR OITO ESTRADAS PROVINCIAIS

Por outra banda, a Xunta de Goberno deu un importante impulso á rede viaria provincial coa activación de preto de 1,5 millóns de euros destinados á mellora de oito estradas e á adquisición de nova maquinaria para o Parque Móbil. Dentro deste capítulo, a Deputación licitou dúas actuacións que superan conxuntamente o medio millón de euros. Unha delas desenvolverase en Xermade, onde se investirán preto de 250.000 euros para mellorar distintos tramos de catro estradas provinciais que conflúen na capital municipal. Os traballos incluirán melloras na drenaxe, renovación do firme mediante aglomerado en quente e reposición da sinalización.

A segunda actuación executarase en Paradela, cun investimento superior aos 287.000 euros destinada á rehabilitación de catro quilómetros da estrada LU-P-4201, que conecta Pacios con Mosteirovello. Ademais da mellora integral da vía, o proxecto contempla a construción dun paso elevado xunto ao CEIP de San Miguel para incrementar a seguridade viaria nunha zona especialmente sensible pola presenza habitual de escolares.

COOPERACIÓN CON TRABADA E OUROL

No ámbito da cooperación municipal, a Xunta de Goberno aprobou ademais dous novos convenios cos concellos de Trabada e Ourol por un importe global de 365.000 euros.

Os acordos aprobados este venres inclúen tamén dúas contratacións por un importe próximo aos 100.000 euros. A primeira corresponde ao mantemento da aplicación informática que sustenta a xestión tributaria, recadatoria e de inspección da Deputación e dos concellos aos que presta asistencia, un servizo adxudicado por máis de 74.000 euros.

+ posts

ÚLTIMAS

O Concello de Lugo comunica a disposición para recibir parcialmente a urbanización no polígono 1 e 2

O Concello de Lugo deu un paso decisivo para culminar a regularización urbanística dos...

A cova de Eirós e outras do oriente foron refuxios climáticos para neandertais e sapiens

Unha nova investigación no xacemento arqueolóxico da Cova Eirós, en Triacastela permitiu profundar no...

Alerta amarela na montaña de Lugo por treboadas este martes

A Axencia Estatal de Meteoroloxía activou unha alerta amarela por treboadas para este martes,...

Ratifican a absolución para un acusado de agresión sexual a un menor do que descoñecía a súa idade

A Sala do Civil e Penal do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG)...