O pleno do Concello de Lugo no que se debatirá a moción de censura presentada polo Partido Popular co apoio da concelleira non adscrita María Reigosa celebrarase o 7 de maio, xoves, ás 12.00 horas. A convocatoria, que xa é oficial, faise de xeito automático o décimo día hábil despois do rexistro da iniciativa. A moción presentada propón á Alcaldía a Elena Candia e foi apoiada por 13 dos 25 concelleiros da corporación, o mínimo preciso para acadar a maioría absoluta e para presentar este documento.
Antes desta sesión extraordinaria, o Concello celebrará o pleno ordinario correspondente ao mes de abril, previsto para o día 30. Nesta sesión trataranse previsiblemente asuntos de xestión do actual goberno municipal, entre eles a aprobación de créditos para o pago de facturas. Tamén tomará posesión a nova concelleira do PSOE, Eugenia Iglesias, que substitúe a recentemente falecida Olga López Racamonde.
O pleno no que se debatirá a moción estará presidido por unha mesa de idade, integrada polo concelleiro de maior e polo de menor idade da corporación, excluídos o actual alcalde, Miguel Fernández, e a candidata que o pretende substituír, Elena Candia. Durante a sesión poderán intervir a candidata, o rexedor e os voceiros dos grupos municipais, agás María Reigosa, pola súa condición de non adscrita, para fixar a súa posición.
Para que a moción prospere será necesario que os 13 concelleiros asinantes estean presentes na votación e a apoien, xa que calquera ausencia ou abstención impediría acadar a maioría requirida e a moción non prosperaría. En canto ás posibles consecuencias políticas, a normativa limita os dereitos económicos das concelleiras e concelleiros non adscritos, o que impediría a María Reigosa percibir unha dedicación exclusiva no caso dun cambio de goberno. Existen, con todo, interpretacións distintas sobre a súa posible integración no executivo municipal, como avanzou o mércores Elena Candia, que asegura que a exsocialista estará no novo goberno “dentro da legalidade”.
Unha vez aprobada a moción, Elena Candia tomará posesión como alcaldesa de Lugo para ser a terceira tras Lara Méndez e Paula Alvarellos, e a cuarta rexedora no que vai de lexislatura. A partir do 7 abrirase un prazo para que a nova alcaldesa presente o seu organigrama de distribución de tarefas e carteiras mediante o decreto de organización e para formalizar o seu equipo de confianza nos postos administrativos. Elena Candia asegurou na súa comparecencia do mércores que presentará ese organigrama unha vez oficializada a súa toma de posesión.
PROTESTAS
A Plataforma contra o transfuguismo, formada en boa parte por persoas vinculadas á cultura e á educación, reuniu este mércores en Lugo unhas cen persoas en rexeitamento da moción de censura presentada polo PP co apoio da concelleira María Reigosa, á que lle pediron que “non traia” ás e aos votantes de esquerdas.
Apenas dúas horas despois do anuncio dos populares, o colectivo —constituído co nome ‘Transfuguismo NON, Democracia sí‘— reuniuse ante o Concello para ler un manifesto de rexeitamento a esta iniciativa política.
A través de Lois Pérez, Isidoro Rodríguez, Luz Darriba e Bernardino Pardo, a plataforma subliñou que as súas actuacións se inspiran no “civismo, na pluralidade e na tolerancia, pero coa firmeza das conviccións democráticas”, pese ás críticas recibidas nas redes sociais. Tamén se presentaron como “representantes dunha maioría social” que apoiou as forzas de esquerdas nas últimas eleccións, “o que lles confire lexitimidade para expresar o noso rexeitamento a este atropelo democrático”.
