A portavoz do Grupo Municipal do Partido Popular en Lugo, Elena Candia, puxo en marcha ‘Canda Elena’, un novo formato audiovisual de entrevistas que pretende achegar á cidadanía “unha visión máis íntima e humana de distintos protagonistas da vida lucense”.
O programa, que terá unha periodicidade quincenal, difundirase a través da canle de Youtube da propia Candia e das súas redes sociais. Como explicou ela mesma, a iniciativa nace coa intención de “dar a coñecer as historias persoais que hai detrás de nomes recoñecidos en ámbitos como o social, cultural, deportivo ou empresarial, ofrecendo un enfoque máis próximo e menos institucional”.
A dirixente popular exercerá como anfitrioa deste espazo, no que os invitados compartirán, a través de conversacións distendidas, tanto a súa traxectoria profesional como experiencias vitais e reflexións sobre Lugo. “O obxectivo é pór en valor o talento e o esforzo de quen contribúen ao desenvolvemento da cidade desde diferentes sectores”, recalcou.
O primeiro episodio, xa dispoñible, conta coa participación de Paco e Héctor, responsables do Restaurante España, un dos establecementos máis emblemáticos de Lugo. “Fundado en 1907, este negocio familiar representa un exemplo de continuidade, respecto pola tradición e aposta polo produto local, mantendo unha liña de calidade que o converteu nun referente gastronómico”, engadiu.
