A Deputación de Lugo reclama a Xunta de Galicia unha acción planificada sobre os bens patrimoniais para evitar danos irreversibles sobre os elementos patrimoniais da provincia. A proposta impulsada polo BNG aprobouse no pleno deste martes, malia a oposición do Partido Popular que sinalou os temporais para tratar “de ocultar a falta dunha política de conservación que protexa e poña en valor o patrimonio”.
No debate da proposta, a deputada Iria Castro sinalou que nos “últimos meses se puxo aínda máis en evidencia o desleixo e a falta de políticas de conservación por parte de Xunta de Galicia”, que ten a responsabilidade de velar pola conservación dos BIC “e a competencia para acordar medidas de colaboración administracións e outros organismos para garantir a seguridade dos bens”.
“O que lles pedimos non é que sexan os máis rápidos cando hai derrubamentos en bens patrimoniais, senon que teñan plans para evitar que caian. Falan da actuación na Muralla, pero hai un informe previo que fala doutros quince puntos críticos”, explicou a portavoz nacionalista.
“E non falamos só da Muralla, senon doutros bens que perdemos pola súa inoperancia. A Torre de Torés, onde non foron facerse a foto. Non debe interesarlle tampouco ao señor Núñez. Tamén podemos falar da Torre de Caldaloba: non miraron para ela en 30 anos, ata que esta administración se interesou por ela. E aí están, ralentizando unha solución para ela. Ou da Casa Benedicto, na que estaban moi interesados ata que lles pedin qeu lle devolvan a protección que lle quitaron en 2024“, enumerou a deputada nacionalista en relación coas decisión da Xunta sobre o patrimonio da provincia. “Que chova en Galiza non é raro, o raro é que o PP se preocupe por algún ben patrimonial”, concluíu a deputada.
Unanimidade en relación co arranxo da N-540
O grupo provincial do BNG reiterou no pleno provincial a necesidade dunha rehabilitación e reforma estrutural da N-540, a única vía de comunicación directa entre Lugo e Ourense. “Non podemos pasar outro inverno así”, incidiu o deputado Daniel García no debate da moción, aprobada por unanimidade.
“Exiximos ao Goberno do Estado reparacións de emerxencia nos puntos máis afectados neste primeiro semestre de 2026 e que se activen, sen máis demoras, actuacións de rehabilitación e reforma estrutural nos treitos danados. É necesario concretar calendarios e garantir o cumprimento dos compromisos de adquiridos”, que advertiu do risco que supón o estado da da vía para a seguridade das usuarias e usuarios.
O deputado nacionalista denunciou que “o déficit de investimento na conservación e mellora das estradas de Lugo é crítico, e forma parte dunha deficiencia estrutural en Galiza, que nin o PSOE nin o Partido Popular corrixen“
Nese marco, apuntou o mal estado doutras vías estratéxicas para a provincia como a N-VI, N-120 ou a N-640, “as décadas de promesas incumpridas por parte de PP e PSOE en relación coa A-74 e VAC Costa Norte, o derrubamento do tunel do Castro apenas 20 anos despois de construírse a A-6 ou a demora no desdobramento da AG-22”.
