O Pleno Ordinario da Deputación de Lugo acordou este martes esixir á Xunta de Galicia e ao Goberno do Estado que defendan os intereses dos gandeiros fronte ao acordo con Mercosur. Así se acordou na sesión deste mes tras o debate dunha moción socialista para garantir, no caso de que chegue a asinarse, unha aplicación responsable do pacto comercial entre a Unión Europea e os países suramericanos. A iniciativa, que se debateu xunto a outras dúas propostas dos diferentes grupos políticos, contou cos votos a favor do PSdeG, a abstención do PP e os votos en contra do BNG.
Valorou a Presidenta da Deputación de Lugo, Carmela López, antes da sesión plenaria que o novo escenario que se abrirá para o sector gandeiro “debe ser abordado con rigor, responsabilidade e firmeza política desde todas as institucións, ante o impacto directo que terá no sector primario”. Destacou nese sentido, que a provincia de Lugo é un territorio con forte dependencia da gandería e do agro e que polo tanto a apertura comercial “debe ir acompañada de garantías efectivas”.
Nese sentido, o Deputado Xosé María Arias, argumentou que aínda que o volume de importacións cárnicas autorizado polo acordo representa unha porcentaxe reducida da produción comunitaria -1,5% no caso do vacún; 1,3% nas aves e un 0,1% no porcino- unha aplicación desequilibrada e sen os controis necesarios pode ter efectos moi negativos na renda das explotacións gandeiras. Polo que o que si é moi importante, recalcou Arias, é “activar mecanismos de salvagarda efectivos, mellorar os controis e garantir unha reciprocidade real”.
O texto da moción recolle algúns deses mecanismos de protección, que pasan por reforzar os controis fronteirizos e garantir o cumprimento dos estándares europeos; activar cláusulas de salvagarda de forma áxil e efectiva; promover a diferenciación da carne galega; establecer medidas específicas de apoio ao sector gandeiro galego; apoiar unha estratexia de autosuficiencia alimentaria; e demandar unha Política Agraria Común (PAC) forte e reforzada.
Demandar á Xunta que suba os fondos do SAF
O Pleno ordinario celebrado este martes aprobou tamén unha proposta de Goberno para reclamar á Xunta que suba os fondos do Servizo de Axuda no Fogar (SAF), ata asumir o seu custe real e tal e como reclaman os concellos a través da Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp). A iniciativa contou cos votos a favor do PSdeG e o BNG e cos votos en contra do PP.
Carmela López valorou que “os servizos sociais son un eixo fundamental para a nosa provincia; e a atención aos maiores é, ademais dun dereito individual, unha ferramenta para loitar contra a despoboación no rural”. Insistiu ademais en que todo o peso do mantemento deste servizo tan básico “está a recaer nos gobernos municipais”.
O texto recolle ademais que o Executivo autonómico escoite as demandas dos concellos acerca do impacto do SAF nas facendas locais e presente un plan de choque para garantir a prestación universal do servizo; a capacidade orzamentaria dos concellos, de xeito que a cobertura do SAF non ameace con colapsar calquera outra actividade ou investimento; que a achega da Xunta sexa, como mínimo, o que reclaman os concellos a través da Fegamp; ou que a Xunta renunciará á política de impoñer sancións aos concellos pos supostas irregularidades na prestación do servizo.
