Lugo vive este luns unha xornada de calma tensa tras o estalido da crise do PSOE, tanto provincial como galego, polas acusacións vertidas contra o alcalde de Monforte, José Tomé Roca, presidente en funcións da Deputación, e que provocou a súa dimisión o pasado venres, nesta institución e como secretario provincial do partido. Mentres a súa sucesión se discute nos despachos, as cruces de acusacións entre os tres partidos en liza, PP, PSOE e BNG, pasou a un primeiro plano.
A fin de semana, o Partido Popular, a través da súa presidenta provincial Elena Candia, centrou as súas reclamacións no BNG, ao que instou a abandonar o Goberno de coalición na Deputación para que non ser “encubridores” da situación de acoso denunciada. Así mesmo, acusou os socialistas de silencio e contradicións nas declaracións ofrecidas desde Santiago por José Ramón Gómez Besteiro, quen afirmou que coñecía a situación desde outubro a través de terceiras persoas e que animou a denunciar.
Este luns o BNG, por medio do seu portavoz na Deputación e vicepresidente da mesma, Efrén Castro, reiterou a súa intención de agardar a ter un interlocutor definido por parte do PSOE antes de tomar ningunha decisión. Ademais, respondeu duramente as críticas de Elena Candia, lembrando o caso do dimitido conselleiro Alfonso Villares, acusado por violencia de xénero, entre outros.
“Desde o BNG somos moi críticos con estas declaracións, primeiro porque presumir da exemplaridade do PP ante as agresións machistas. É ridícula esta afirmación, o que podemos ilustrar con dous exemplos moi claros, despedir con aplausos e abrazos a un acusado de violación por submisión química; ou as gravacións de Baltar ofrecendo postos de traballo a cambio de relacións sexuais”, explicou.
Lembrou Efrén Castro que considera “gravísimo” por parte do Elena Candia que “se aproveite un caso tan grave como este para chegar á presidencia da Deputación de Lugo”. Pola súa banda, Antonio Ameijide, portavoz popular na Deputación, volveu este luns a acusar ao BNG de “cómplice necesario” e ao PSOE de ofrecer unha cuarta versión diferente dos feitos. Insiste que cada día que pasa dánase ” máis a imaxe da institución” e volve a súa mirada sobre a deputada socialista Pilar García Porto, principal colaboradora de Tomé á que acusa de encubridora.
UN GOBERNO EN FUNCIÓNS
Mentres José Toméi Roca se mantén na súa posición de presidente en funcións da Deputación, posto que ostentará ata o próximo 30 de decembro, cando se celebrará o Pleno ordinario no que o aínda presidente cese definitivamente e pase a ser deputado non adscrito, xa que está presentada a súa dimisión tamén nas filas socialistas.
O feito de seguir como presidente en funcións implica que o Goberno continúa, é dicir, o vindeiro venres, 19 de decembro, haberá de novo xunta de goberno, presumiblemente volverá ser conflitiva, xa que na última non se presentaron os tres deputados nacionalistas e un do PSOE abandonou a estancia, todos ao saber que ía ser presidida por Tomé. Non está tan claro se haberá unha segunda sesión antes do cesamento de Tomé debido á coincidencia coas festas do Nadal.
José Tomé, que mantén o seu cargo como alcalde de Monforte, aínda que o fará como deputado non adscrito xunto co resto de membros da anterior corporación socialista, continúa en ambas as institucións a súa axenda, aínda que esta sexa moito máis reducida, ou case inexistente, no que se refire a comparecencias públicas.
Á AGARDA DE FERRAZ
Pola súa banda, os socialistas están aínda sen pechar a sucesión de Tomé, xa que Besteiro presentou a súa proposta para a xestora o venres, pero aínda non hai unha confirmación oficial da dirección nacional, un paso que se agarda que se produza canto antes, “posiblemente xa ao longo do día de hoxe”, para poder pechar as feridas canto antes.
A proposta pon a Luís Ángel Lago Lage á fronte da mesma. Completarán este órgano a deputada autonómica Patricia Otero; o alcalde de Ribeira de Piquín, Roberto Fernández; e a portavoz socialista no Concello de Lugo, Ana González Abelleira; e outros cargos socialistas como Silvia Rodríguez Díaz, Roberto García Pernas, Miguel Ángel Crende, Mariña Ramudo, Darío Antonio Piñeiro, Vicente Parras e Ana Ortas.
COMITÉ DE IGUALDADE
Durante a xornada deste luns, a alcaldesa de Guitiriz, Marisol Morandeira, fixo referencia ao manifesto que asinou esta fin de semana, xunto a outras 70 mulleres do partido, para apoiar a dimisión de Silvia Fraga ante o caso Tomé. Morandeira, nunha breve declaración, dixo que “asina o manifesto porque forma parte dun grupo de igualdade de mulleres do PSdeG”. “Eu hai moitos anos que formo parte deste grupo e todas nós consideramos que en lugar de manifestarnos individualmente en apoio a Silvia Fraga pola situación que viviu estes días, debiamos facer algo conxunto para darlle máis visibilidade“, dixo.
