O barrio da Milagrosa de Lugo rexistrou esta fin de semana un novo incidente vinculado aos locais de lecer da rúa Tui, nesta ocasión trátase dunha pelexa entre dous homes, que atacaron a un terceiro nunha rúa peonil próxima a estes establecementos. O incidente sorprendeu aos veciños, xa que se produciu a plena luz do día con numerosas testemuñas. A continua repetición destes altercados nas noites e madrugadas das fins de semana orixinou multitude de denuncias cidadás e o enfado de veciños.
O Grupo Municipal do Partido Popular, a través do seu portavoz, Elena Candia, reclamou esta mañá de luns o peche definitivo do local As Palmeiras e que se “poña fin dunha vez a unha situación que leva anos xerando molestias, inseguridade e problemas de convivencia no barrio da Milagrosa”. A recente reapertura deste after, tras ser pechado de forma temporal en 2023, evidencia novamente, para Candia, “a incapacidade do goberno local para garantir a seguridade dos cidadáns e para pór fin ás prácticas ilegais que levan anos producíndose neste local”.
Lembra a popular que este local se pechou por decreto de Rubén Arroxo pouco antes das eleccións municipais, e subliña que “hoxe existen máis motivos que nunca para decretar o seu peche definitivo”, facendo referencia a que a actuación que se realizou en 2023 “era con fins electorais”. Así, denuncian que neste establecemento están a producirse infraccións graves, como permitir o consumo de drogas no interior ou a denuncia contra a propietaria por un presunto delito de atentado contra axentes da autoridade, “vulnerando de forma reiterada as normas de convivencia e seguridade na cidade e non se actúa”.
Para os populares, resulta inaceptable “que un local con tantos antecedentes de ilegalidade e risco social continúe aberto e operando en Lugo”. Aseguran que non só é necesario pechar As Palmeiras, senón tamén outros locais que manteñen actividades similares na mesma zona, “provocando que rúas próximas se convertan en escenario habitual de incidentes e crónicas de sucesos”. “O PP ten claro que a prioridade debe ser a seguridade e o benestar de todos os lucenses, e non podemos permitir que se sigan tolerando comportamentos ilícitos que afectan de forma directa á convivencia nos nosos barrios”, sinalan.
REACCIÓN DO EQUIPO DE GOBERNO
As reaccións do equipo de Goberno non se fixeron esperar. O citado Rubén Arroxo, que pechou este local hai dous anos, lembroulle á portavoz popular o risco de cometer “un delito de prevaricación”, xa que “ningún político pode decidir, por mandato político, pechar ningún local”. Así, explicou que ten que haber un informe técnico no que se reflictan as correspondentes ilegalidades para pechar calquera local ou negocio. Arroxo, que lembrou que agora non é o responsable desta área, fixo referencia tamén a que en 2023 presentáronse eses expedientes sancionadores e técnicos que permitiron a súa clausura.
Pola súa banda, a portavoz do partido socialista, Ana González Abelleira, puxo en valor o traballo que realiza a Policía Local “nestas zonas conflitivas da cidade, velando pola convivencia cidadá”, do que dixo que non se realiza de forma puntual, “senón que forma parte da liña de actuación do Goberno local desde hai tempo”. Segundo explicou, no pasado mes de febreiro realizáronse 11 inspeccións en colaboración coa Policía Nacional, nas que se levantaron un total de 27 actas de denuncia que se incorporaron aos expedientes correspondentes. “Está a actuarse a través dun traballo constante, rigoroso e discreto para non interferir no labor policial”, engadiu.
“Hai que ter en conta que, para poder armar un expediente sólido que permita alcanzar o obxectivo que todos compartimos, que non é outro que erradicar este tipo de perturbacións, é necesario dispor do tempo suficiente e respectar cada fase de tramitación do órgano sancionador. Trátase dun proceso que garante os dereitos dos propietarios dos establecementos, polo que é imprescindible actuar coa seguridade xurídica necesaria”, explicou. González Abelleira dirixiuse ao Partido Popular á que dixo que “coñece este traballo policial, pero, unha vez máis, preferiu caer no alarmismo para obter rédito electoral en lugar de manter a lealdade institucional que se lle debe esixir a un partido da oposición”.