O Partido Popular de Lugo acusou ao Goberno local de ter “nun estado total de abandono” o Museo Interactivo da Historia de Lugo (MIHL) “un espazo que naceu como o gran proxecto cultural do PSOE e que, hoxe, nin é museo, nin é interactivo”.
Durante unha visita ao centro, o concelleiro popular Agustín Gallego explicou que a situación é “vox pópuli”, facendo referencia aos comentarios negativos sobre o mesmo en Google por ter salas pechadas, contido escaso e elementos tecnolóxicos inoperativos, entre outras deficiencias. “Lugo non pode permitirse ofrecer esta imaxe a quen nos visita”, censurou.
Así mesmo, Gallego expuxo que este museo tivo un custo de 7 millóns de euros e foi considerado no seu momento “como un referente vangardista para divulgar a historia da cidade”. Asegurou, que, pola contra, 13 anos despois, “o edificio carece de contido definido, a zona da exposición permanente está pechada e baleira, os elementos tecnolóxicos non funcionan e o espazo converteuse nun multiusos sen identidade museística”.
Nesta liña, o popular recriminou ao PSOE “que non fose capaz de coidar a súa obra insignia” e propuxo unha revisión integral dos contidos do MIHL, a reparación inmediata das deficiencias técnicas e a recuperación do uso museístico da Caixa Negra, “para que o museo cumpra por fin o obxectivo para o que foi creado: ser un espazo vivo e divulgativo da historia de Lugo”.
O edil do PP tachou tamén de “despropósito absoluto” o sucedido co festival We Tattoo Lugo, que, como afirmou, os organizadores víronse obrigados a cancelar “despois de descubrir as graves deficiencias do Museo nunha visita para preparar o evento”.
Neste sentido, acusou aos nacionalistas de negarlles a este colectivo o reembolso íntegro que desembolsaron como garantía do aluguer do Gustavo Freire, que contrataran como espazo complementario.
Tamén apuntou que foron anulados uns obradoiros de danza contemporánea debido ao estado do museo, pero “ampliouse o horario do persoal do MIHL mediante correo electrónico, o que implicará o pago de horas extra por un evento inexistente”.