O pleno municipal do Concello de Lugo nomeou este xoves como fillos adoptivos a Rafael Veiga e ao que foi presidente da Real Academia Galega (RAG) Xesús Alonso Montero, quen recibiu o voto en contra do Bloque Nacionalista Galego.
En concreto e despois da polémica xurdida debido ao rexeitamento dos nacionalistas, o nomeamento da médico vítima da ditadura foi aprobada por unanimidade, mentres que a de Xesús Alonso Montero non foi secundada polo BNG, que xa anunciara a súa intención de votar en contra.
Neste punto non faltou a crítica “por falta de liderado e de consenso” dos populares, ante un nomeamento que non foi tratado con anterioridade a facer pública a proposta.
Na sesión, o PSOE e o BNG sacaron adiante, tal e como se esperaba, as propostas levadas ao pleno, que estiveron encabezadas pola aprobación, a pesar da abstención do Partido Popular, da moción presentada polo Bloque para crear un gran parque central no espazo que actualmente ocupa a estación de autobuses.
Como lembrou o portavoz do BNG, Rubén Arroxo, trátase dun proxecto para facer unha gran zona verde, de 27.000 metros cadrados, conectando a rúa Dinán coa avenida Anxo López Pérez a través dun paso subterráneo, co obxectivo de eliminar o tráfico rodado na zona e mellorar a mobilidade. “Este proxecto supón unha transformación radical para Lugo, creando un gran pulmón verde no centro histórico e ao pé da Muralla”, afirmou Arroxo.
Dentro deste proxecto figura a proposta de habilitar unha parada para as liñas de transporte interurbano que así o requiran, mentres que o resto será unha zona verde.
Outro dos grandes proxectos urbanísticos foi a aprobación inicial da modificación da PXOM para eliminar a edificabilidade da zona de Ou Garañón e ampliar as costas do parque con máis metros de zona verde. Un primeiro paso dun proxecto que quere acabar coa sombra das dúas torres de vivendas construídas por unha iniciativa privada e que, tras anos de preitos polas iniciativas veciñais, foron derrubadas o ano pasado. Trátase dunha iniciativa valorada en 1,8 millóns de euros que acaba de dar o primeiro paso para ser unha realidade, e que foi rexeitado polo PP.
Pola súa banda, tamén foi aprobada a proposición dos socialistas para apoiar ás veciñanzas de Outeiro e Santa María Alta en defensa da súa calidade de vida pola posible afectación por mor da granxa porcina que se proxecta no lugar de Retorta, na parroquia de Vilalvite, no veciño municipio de Friol.
NOMEAMENTOS
No capítulo de nomeamentos, a proposición conxunta dos grupos municipais do PSOE e BNG de nomear á ponte das Saamasas como Ponte Tomás Notario Vacas saíu adiante cos votos a favor tamén do Partido Popular, que requiriu un apoio máis explícito do Goberno a esta iniciativa a través dunha emenda que non foi aceptada. Ao final, apoiaron esta distinción para o ex alcalde popular, do que a portavoz do PP dixo que “marcou a historia de Lugo”.
O Partido Popular de Lugo, que presentaba catro mocións, viu rexeitadas todas elas. O proxecto máis emblemático era unha proposta de humanización da travesía de Nadela, que presentou Elena Candia ante os veciños este mes. A alcaldesa acusou á popular de “deslealdade” por presentar este proxecto mentres o Goberno local estaba a tratar este tema, pero anunciaron melloras para a zona.
Non viron a luz a petición dun plan Integral para mellorar a xestión do ciclo da auga en Lugo e evitar fugas, cortes e a falta de servizo no rural; unha ordenanza para “garantir o acceso xusto e transparente” aos locais sociais rurais municipais; nin a petición ao Goberno do Estado de que “cumpra o seu deber de cofinanciar o 50% da Dependencia e salde a débeda de 2.500 millóns de euros con Galicia”.
Ante os votos en contra, os populares mostráronse “decepcionados” e sostiveron que “o Goberno local está instalado no NON, aínda que a cidade salga perdendo”.
Tamén foi rexeitada a petición dos populares na que pedían a comparecencia de Paula Alvarellos para explicar a situación das Caldas do Miño, “unha infraestrutura que pechou por altos niveis de legionela e que estivo aberta durante 19 meses sen alta na auga quente nin un plan de prevención”, dixeron.
No Pleno tomou posesión a nova concelleira nacionalista, Iria Buíde, que substitúe a Felipe Rivas, que deixou a política por problemas de saúde.