InicioPolíticaUn concelleiro do PP de Muras abandona o grupo popular e pásase...

Un concelleiro do PP de Muras abandona o grupo popular e pásase ao grupo mixto

Deixa ao PP con dous concelleiros fronte ao tres do BNG, que ten o goberno en minoría.

PUBLICADA O

- Advertisement -

O concelleiro no concello lugués de Muras Julio Díaz anunciou que abandona o grupo do PP para pasar a ser edil non adscrito no municipio do oeste de Lugo, gobernado polo BNG en minoría. A decisión de Díaz, que xustificou por “discrepancias internas” coa formación que dirixe Eugenia Requeijo, deixa ao PP con dous representantes nunha corporación na que o BNG conta con tres e o PSOE cun, integrado no grupo mixto ao que pasará o ata agora edil popular.

Díaz, que se estreou na política local en 2023 como número dous da lista do Partido Popular, anunciou tamén a súa dimisión como secretario municipal do partido. “Unhas circunstancias internas dentro do partido deixaron claro que a mellor decisión era dar un paso á beira”, explicou o concelleiro. Así, razoou a súa decisión de pasar ao grupo mixto como un exercicio de responsabilidade co resultado das urnas. “Os veciños elixíronme e débome a eles. Moitos me dixeron que non tiña que dimitir, así que seguirei facendo política desde o grupo mixto”, engadiu. O xa ex concelleiro popular defendeu o seu compromiso co partido ao que se uniu recentemente. “Para coller o cargo de concelleiro tiven que pedir unha excedencia no meu traballo, iso demostra claramente o meu compromiso”, apostilou.

CORPORACIÓN FRAGMENTADA

Nas últimas eleccións de 2023, a Corporación muresa quedou fragmentada, con tres concelleiros para o BNG, 3 para o PP e 1 para o PSOE. Aínda que os resultados repetían a situación de convocatorias anteriores. A diferenza de anteriores mandatos nos que o PSOE se integrou no goberno do BNG, nesta ocasión, a edil socialista descartou facelo para, desta forma, fiscalizar desde fóra o traballo dos nacionalistas, aos que, non entanto, apoiou para facerse co bastón de mando.

Nos últimos meses, os desacordos entre os grupos políticos dificultaron a aprobación en pleno de asuntos crave como o soldo do alcalde, as axudas a estudantes e da luz ou o pago a provedores, con facturas por valor de máis de 350.000 euros. Esta situación carrexou denuncias contra o concello por falta de pagamentos. A situación política foi criticada en varias ocasións polos veciños e mesmo polos simpatizantes dos partidos da oposición, polo que a marcha de Julio Díaz, que provocou sorpresa tanto no BNG como no PSOE.

O concelleiro nega que o seu paso se deba a un achegamento ao goberno local. “Votouse en equipo baseándonos nun informe porque non se pode votar algo que non procede, por iso mantívose esa liña. Agora, no grupo mixto votarei tamén seguindo esa liña, non vou cambiar de forma de pensar”, engadiu. Asegura Díaz que a súa relación cos compañeiros de corporación é boa. “Cada un temos unha forma de pensar e de ver as cousas, e como estamos en democracia, cada un toma as decisións que cre máis convenientes”, concluíu.

O alcalde nacionalista, Manuel Requeijo, asegurou que non se quere meter en asuntos internos dos partidos, pero que entende que a situación que vive o Concello de Muras, “bloqueado pola alianza de PP e PSOE para non deixar sacar adiante ningún proxecto está a repercutir directamente nos veciños, que saben o que está a pasar”. Considera que a saída de Julio Díaz pode ser unha vía para desatascar a situación, “coa que os veciños non están contentos”.

ELENA CANDIA

A presidenta do Partido Popular na provincia de Lugo, Elena Candia, asegurou non ter información sobre o motivo que levou á saída do edil do grupo popular e mantívose na liña da cabeza de lista de Muras, Eugenia Requeijo, á que mostrou o seu apoio e sobre a que dixo que “levou os intereses do seu concello mesmo ao Congreso, defendendo aos agricultores e gandeiros”. Describiu á concelleira popular de Muras como “unha muller emprendedora no rural”, que está “comprometida” co proxecto político do PP. “Ten o aval e o apoio do noso partido e respectamos a decisión que se tomou, porque son asuntos internos do grupo municipal”, engadiu.

ÚLTIMAS

Viaxando ao corazón e á sensibilidade dos museos de Lugo co podcast ‘Que din os rumosos’

Os museos son tempo pasado, tempo presente e tempo futuro. Expoñen e crean historias,...

O PP reclama ao Goberno a rehabilitación do mosteiro de Vilanova de Lourenzá

O Partido Popular defenderá este luns na Comisión de Cultura do Senado unha iniciativa para que o Goberno central lidere...

O PP avanza unha ofensiva institucional contra a “desaparición” de Lugo do mapa do Corredor Atlántico

A presidenta do Partido Popular na provincia de Lugo, Elena Candia, avanzou unha ofensiva institucional para...

Tres feridos, entre eles unha muller atrapada, nun accidente con outros tantos vehículos implicados en Lugo

Un accidente de circulación con tres vehículos implicados en Lugo deixou outros tantos feridos, entre eles,...