Os membros do Grupo Municipal do PP en Lugo, con Elena Candia á fronte, presentaron un novo número do boletín informativo ‘Contigo Lugo’, no que se recollen “os logros” do partido “para o progreso de Lugo”. Na súa comparecencia, a dirixente popular puxo en cifras o traballo que a súa formación realizou como oposición, con 66 mocións presentadas, 125 preguntas, 2 plenos extraordinarios convocados, 125 rogos e 615 preguntas en diferentes comisións.
Nesta publicación, pon en valor as actuacións realizadas pola Xunta de Galicia na cidade, actuacións que, como afirman, “pon ás persoas no centro das accións políticas”. Neste punto, Elena Candia agradeceu o traballo realizado, tanto por Alume como polo Goberno autonómico, para converter o antigo edificio de Aspnais nun centro de saúde mental de referencia.
Ademais deste proxecto, que está en fase de licitación a redacción, a representante popular destacou outras actuacións como a construción de 146 pisos de promoción pública en Garabolos, o investimento de 2,5 millóns de euros para impulsar dotacións sociais na Milagrosa, as melloras na Catedral para acabar cos problemas de humidades, a restauración do tellado da capela do Carme; os avances para a nova Comisaría, a recuperación dos lagos de Teixeiro; o camiño de acceso a Ruade; a senda peonil en Ombreiro e as melloras de seguridade viaria en Castelo.
Elena Candia tamén puxo en valor outro tipo de logros, como o feito de que Lugo sexa de novo a sede do mundial de motocrós en maio, o aumento das liñas de buses para Coruña e A Mariña ou os 500.000 euros que se destinarán á rehabilitación do Museo da Romanización. Candia subliñou que o “esforzo e traballo” da súa formación ten como obxectivo “facer un Lugo mellor para as persoas, con proxectos que impulsen o dinamismo económico e coiden o patrimonio”.
Nesta publicación, ademais, os populares recollen “a mala xestión municipal”. Neste apartado, Candia citou a falta de solución ao problema de persoal que ten o servizo de reparación de fugas de auga, “que a día de hoxe ten o contrato sen asinar, un contrato que non deixa de ser un parche”. Na súa intervención, a tamén viceprsidenta do Parlamento referiuse a a falta de actuación cos “prometidos plans de rehabilitación” do barrio da Milagrosa, a falta de apoio ás asociacións ao non convocar as axudas ou a inacción nas zonas rurais, onde “non facilitan terreos para a colocación de antenas ou non aceptan ampliar o convenio coa Xunta para o abastecemento de Esperante”.
Tamén criticou a ausencia de investimento no mantemento dos colexios ou de actividade da Escola Municipal de Música e da Banda, así como o atraso das obras no centro da cidade. Outros “incumprimentos” denunciados por Candia foron a carencia de aparcadoiros en Fontiñas ou no centro. “Despois de lograr o apoio da Xunta para abrir os aparcadoiros dos institutos para uso público, agora xa non ten présa”, sostivo. Por último, lamentou que non se poida falar de orzamentos, “porque nada nos informaron sobre eles” e pediu que os próximos sexan “realistas e que se cumpran”. Afirman que só un 16,5 % do investimento previsto en 2024 foi executada.
“DESCONEXIÓN COA REALIDADE”
Tras a rolda de prensa de Candia, a portavoz do Grupo municipal socialista, Ana Abelleira, considerou “sorprendente” escoitar á portavoz do PP afirmar que a alcaldesa “non xestionou nin mellorou Lugo neste último ano”. “Desde logo, estas declaracións demostran unha absoluta desconexión coa realidade, ou quizais unha preocupante amnesia temporal”, dixo para asegurar que hai “apenas dúas semanas” a súa formación expuxo no debate do estado da cidade “avances tan importantes como a inauguración do auditorio Fuxan os Ventos, as obras da intermodal, a renovación de dotacións deportivas ou as melloras en infraestruturas no rural”, apuntou.
Ademais, sinalou que 2024 foi un ano de “gran traballo e progreso” para Lugo e que este tipo de afirmacións son “falsas” e “restan toda a credibilidade ao PP”. “Lugo necesita unha oposición construtiva, non discursos baleiros que faltan ao respecto ao esforzo de tantas persoas que traballan cada día por mellorar a nosa cidade”, indicou.