InicioPolíticaO BNG denuncia que Lugo está "abandoada" en materia ferroviaria

O BNG denuncia que Lugo está “abandoada” en materia ferroviaria

O portavoz do BNG en Lugo, Rubén Arroxo, aposta por "reclamar á Xunta de Galicia que se implique nas melloras da situación ferroviaria de Galicia e de Lugo".

PUBLICADA O

- Advertisement -

BNG defenderá nas distintas institucións a posta en marcha dun sistema ferroviario galego “que vertebre o país, e que acabe co abandono de Lugo en materia ferroviaria”. A deputada electa Olalla Rodil; o portavoz do BNG en Lugo, Rubén Arroxo: e o vicepresidente da Deputación de Lugo, Efrén Castro, presentaron na cidade da Muralla as iniciativas que o Bloque defenderá nas distintas institucións para “reclamar á Xunta de Galicia que se implique nas melloras da situación ferroviaria de Galicia e de Lugo”.

No acto, do que informou o BNG nun comunicado, Arroxo afirmou que a cidade e a provincia de Lugo teñen que deixar de estar “marxinadas” en materia de infraestruturas ferroviarias e que é necesario polas no mapa e comunicar aos veciños e veciñas. O BNG sinala que unha infraestrutura anticuada e fallos constantes son a realidade ferroviaria na provincia ante o que sinalaron que defenderá nas distintas institucións que a Xunta “se implique” na xestión das proximidades ferroviarias, “do mesmo xeito que fan os gobernos doutras zonas do Estado”.

Os nacionalistas propoñen crear un ente que promova e xestione o tren de proximidade galego. O obxectivo é enlazar os principais núcleos de poboación ao redor das cidades, e conectar entre si as urbes que carecen na actualidade deste servizo, como Lugo e Santiago de Compostela, “un auténtico servizo público que sexa útil para as galegas e galegos”, afirmou Rubén Arroxo. Para o Bloque, Galicia ofrece unha evidente e histórica discriminación en canto a investimentos, tanto por parte dos gobernos do PP como do PSOE en materia ferroviaria, o que se traduce nun déficit en infraestruturas, equipamentos e servizos.

O portavoz do BNG de Lugo afirmou que a chegada do AVE a Galicia, con case 30 anos de atraso sobre a data anunciada no primeiro momento polo goberno do Estado, “só supuxo que agora sexa máis rápido ir en tren de Lugo a Madrid que de Lugo a Compostela”. Arroxo lembrou que Lugo continúa con menos servizos que antes do inicio da pandemia, cando se eliminaron conexións como o tren nocturno de Lugo a Barcelona.

“Renfe deixou de vender billetes para a conexión diúrna entre Lugo e Barcelona, dado que a conexión necesaria en Monforte sae ás 9.52 horas da mañá, pero o tren de Lugo a Monforte chega ás 9.54 horas”, explicou Arroxo, que criticou tamén que “é imposible comprar un billete que leve de Lugo a León sen ter que pasar por Madrid, facendo que unha viaxe de 200 quilómetros convértase nunha de 800 e varias horas”.

ÚLTIMAS

O Family Cash pechado ao detectarse unha praga de ratos continuará pechado por orde xudicial

A maxistrada do Xulgado do Contencioso-Administrativo número 1 de Lugo rexeitou este venres a solicitude...

Reabre o supermercado pechado temporalmente por presenza de ratos

O supermercado Family Cash situado no centro comercial de Abella, en Lugo, clausurado temporalmente...

Seguen hospitalizados 3 dos 6 intoxicados con deterxente nunha pulpería de Lugo durante o San Froilán

Tres das seis persoas que tiveron que ser ingresadas a pasada fin de semana...

Dous detidos por furto de móbiles durante as festas do San Froilán

Investigacións levadas a cabo por membros da Brigada de Policía Xudicial da Policía Nacional...