O ex alcalde de Muras, o popular Isaam Alnagm Azam, renuncia a presentar recurso á condena a 9 anos e medio que lle impuxo a Sección Segunda da Audiencia Provincial de Lugo por prevaricación polo amaño de contratos de traballo na época do 2012 ao 2015 neste municipio.
Segundo a sentenza considérase probado que, entre 2012 e 2015, o acusado, na súa condición de rexedor municipal, subscribiu con diversas persoas contratos laborais de carácter temporal, “prescindindo total e absolutamente de calquera tipo de procedemento que garantise os principios constitucionais de igualdade, mérito e capacidade para o acceso á función pública”.
O ex alcalde de Muras avanzou que “non” ten pensado recorrer. “Que me inhabiliten por iso, eu xa estou inhabilitado. Eu non quero volver á política aínda que me paguen millóns“, manifestou. Isaam Alnagm Azam asegurou, a continuación, que se o inhabilitan “por iso”, deberían “inhabilitar a todos os alcaldes de España, porque todos empregan xente desa forma”.
CHAMA “IMBÉCIL” AO ACTUAL REXEDOR
“Eu despois de 34 denuncias do imbécil e parvo bloquista de Muras (polo actual alcalde Manuel Requeixo), inhabilitáronme unha vez e non me importa nada, porque me inhabilitei hai oito anos (cando deixou a alcaldía) e non quero saber nada de política”, manifestou.
Alnagm Azam insistiu en que a sentenza é “unha inxustiza”, aducindo, de novo, que “todo o mundo o fai”. “Eu non fixen máis que empregar á xente do pobo. Se por iso me inhabilitan, estou encantadísimo porque eu fixei poboación, empreguei á xente e dei para comer ás familias de Muras”, alegou.
En canto ao fallo da Audiencia Provincial, constátase que o ex alcalde levou a cabo as contratacións, “a pesar das advertencias da secretaria-interventora do concello, quen llas realizou verbalmente e por escrito”.