InicioPolíticaMartínez e PP ceden e nomean un interventor accidental para Suplusa

Martínez e PP ceden e nomean un interventor accidental para Suplusa

O Consello de Administración da sociedade do solo acata a orde da Deputación para garantir o pago das nóminas

PUBLICADA O

- Advertisement -

Os vinte e nove traballadores de Suplusa ven por fin desbloqueado o cobro das nóminas. O Consello de Administración da sociedade urbanística lucense decidiu nomear a un traballador como interventor accidental, figura vacante dende a renuncia da interventora, que deixara sen fiscalizar os pagamentos de xullo.

Este desenlace representa un fracaso para a entente formada polo Partido Popular e mailo deputado non adscrito Manuel Martínez. As dúas partes ostentan conxuntamente a maioría na cámara provincial e no órgano decisorio de Suplusa. A sociedade urbanística lucense, presidida polo deputado díscolo, fora empregada para facer oposición interna ata que a xustiza certificou a subordinación deste ente á Deputación.

Malia a anulación do contrapoder, Suplusa seguiu a ser un instrumento de desestabilización. A renuncia da interventora da sociedade do solo hai dous meses terminou por volverse en contra do goberno provincial.  O 30 de xullo, Martínez denunciou que a vacante era responsabilidade da Deputación, e en consecuencia o Partido Popular rexistrou unha moción de urxencia para obrigar ao executivo provincial a solucionar os pagamentos.

Nun principio, o Bloque Nacionalista Galego contemplou a posibilidade dun nomeamento accidental para atallar o problema. Mais na votación, esta formación engadiuse á presión sobre o goberno presidido por Darío Campos, que abogaba por que Suplusa empregara os medios propios, en concordancia co regulamento interno.

A voceira e presidenta do Partido Popular na provincia de Lugo, Elena Candia | Óscar Bernárdez
A voceira e presidenta do Partido Popular na provincia de Lugo, Elena Candia | Óscar Bernárdez

O acordo plenario prosperou e o asunto quedou en mans dos responsables da Deputación. Con todo, os socialistas mantiveron a súa postura: un pronunciamento da autoridade provincial podía resultar irregular, mentres que a sociedade do solo contaba cos recursos para contratar á persoa encargada da intervención e desbloquear así os pagamentos.

Dende o goberno deron orde a Suplusa de empregar os medios propios, tal e como constaba no informe do secretario da Deputación. Aliás, isto non foi abondo para o Bloque, que este mesmo martes solicitou un pleno extraordinario para a disolución de Suplusa, argumentando que os socialistas eran incapaces de achar unha solución política.

Así e todo, non foi preciso chegar á votación para o desmantelamento de Suplusa, que por outra banda resultaría virtualmente imposible por mor da maioría que se opón a esta medida. Finalmente, o Consello de Administración da sociedade urbanística –do que se retiraron hai tempo nacionalistas e socialistas– decidiu nomear a un traballador como interventor accidental.

Esta saída implica admitir que a confrontación non foi máis ca un ardid, un escenario no que a urxencia dos traballadores públicos foi utilizada para danar a imaxe pública do executivo provincial. Os administradores de Suplusa agardaron dous meses para resolver a vacante, empregando este extremo para forzar a intervención da Deputación.

ÚLTIMAS

A Deputación de Lugo traslada á Plataforma Pro Residencia de Becerreá a súa “vontade” de abrir o centro canto antes

O deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera, reuniuse este luns no Pazo...

A CIG acusa á patronal da limpeza de Lugo de ir á mediación “sen ningún avance”

A CIG criticou que a patronal da limpeza de Lugo acudise este luns á...

O lucense Antonio de Ron, distinguido co ‘Meritorius Service Award’ dunha insitución dos EE.UU.

Antonio de Ron Pedreira (Lugo, 1952), profesor vinculado 'ad honorem' do Consello Superior de...

Desarticulado un ‘punto negro’ de venda de droga en Lugo

Axentes da Policía Nacional de Lugo detiveron a un home como presunto autor dun delito de tráfico...