Pablo Casado foi o primeiro dos candidatos a presidir o Partido Popular que visitou Lugo. Con todo, de pouco lle serviu a présa por persuadir aos militantes da zona, máis motivados pola presencia de Soraya Sáenz de Santamaría. A exvicepresidenta e man executora de Mariano Rajoy fixo unha demostración de forza tendo en conta a dimensión da formación na cidade; nin a convoatoria a última hora ou algún convite esquecido impediron que enchera o cuartel xeral do partido.

A atención mediática foi outra e a curiosidade dos viandantes tamén. O labor de goberno de Santamaría impón no espírito dos comúns, que polas rúas freaban con xesto serio perante o paso da outrora responsable da intelixencia española. Nada que ver coa expresión da protagonista, ou dunha Fátima Báñez que disimulaba cun sempiterno sorriso o seu segundo plano. A comitiva fixo un pequeno percorrido dende os soportais da Praza Maior cara o Mesón de Alberto, onde comeron con Miguel Tellado, José Manuel Barreiro, Elena Candia e Antonio Ameijide.

Xa pola tarde, a acción trasladábase á sede provincial do Partido Popular. Na entrada do edificio estaban apostadas radios e teles, que tiveron tempo de comentar case todo. Barreiro foi de novo o primeiro en presentarse, nunha demostración de autonomía política e coñecemento do rueiro. Trascenderon detalles da copiosa comida, fartura da que Casado non chegou a desfrutar o pasado sábado. Santamaría si comprendeu a importancia do xantar na cultura local, e permitiuse o saudable pracer de achegarse camiñando dende o casco vello.

No interior tocou canutazo, coa candidata arrodeada de micrófonos, grabadoras e cámaras de gran calibre. Outra vitoria momentánea para Santamaría sobre o seu precedente de cara a convencer aos 1.400 inscritos na agrupación de Lugo. A provincia será unha das máis mobilizadas de cara ás estrafalarias primarias populares, e a segunda de Galicia. Tellado e Candia escenificaron o seu apoio á candidatura, xesto que Santamaría devolveu, salientando en especial a experiencia de Candia nas primarias que a converteron en presidenta provincial. O partido entra nunha dimensión descoñecida.