Orozco di estar “contento” coa marcha da xuíza Pilar de Lara: “Fíxome sufrir inxustamente”

O exalcalde de Lugo cre que as investigacións do Garañón e da ORA non van ter "ningún percorrido". Insiste na súa inocencia e no trato "incomprensible" que lles ofreceu a maxistrada: "Eu nunca recibín nin un euro", asegurou.

Xosé López Orozco, exalcalde de Lugo | Radio Galega
Xosé López Orozco, exalcalde de Lugo | Radio Galega

O exalcalde de Lugo Xosé López Orozco criticou este luns a xuíza Pilar de Lara,  tras deixar esta o Xulgado de Instrución número 1 de Lugo. “Fíxome sufrir a min, á miña familia e aos meus amigos, inxustamente”, aseverou o que foi rexedor socialista da cidade.

Orozco destacou que “a xustiza funciona”, tras coñecerse o cesamento de Pilar de Lara neste xulgado lucense onde mantiña como investigado en varias causas ao exalcalde de Lugo.”Eu sempre dixen qeu confiaba na Xustiza”, engadiu.

Así pois, Orozco confesou estar “contento” coa marcha de De Lara. “É unha persoa que creo que se equivocou totalmente comigo. Fíxome sufrir a min, á miña familia e aos meus amigos inxustamente”, sentenciou.

“Ela tamén o sabe. E sábeo desde o día que me chamou a declarar. Non polas miñas declaracións, senón polas declaracións doutros e as probas que puxeron encima da mesa os mesmos informes de Vixilancia Aduaneira. Non entendo a súa actitude comigo, non a comprendín, non a comprendo e non a comprenderei”, engadiu a continuación.

‘GARAÑÓN’

Sobre o exalcalde de Lugo aínda pesan dúas investigacións: unha pola urbanización do ‘Garañón’, paralizada pola Xustiza, e outra pola ORA.

Orozco manifestouse esta mañá sobre o primeiro deses casos, o Garañón: “é imposible que poida ter algún percorrido, porque por máis que repaso o meu comportamento administrativo, foi un comportamento totalmente de acordo coa legalidade e a realidade”.

Ademais, ao seu parecer, as probas son suficientes. “Hai informes de todos os funcionarios que informaron tal e como viñan facendo moito máis atrás de ser eu alcalde. A propia Xunta nunca solicitou permiso a cultura nas obras que realizou na súa contorna”, engadiu.

INVESTIGACIÓN DA ORA: “NON VAI TER PERCORRIDO”

Semellante defensa utilizou para referirse á investigación da ORA. “Nunca recibín nin un euro, nin tampouco mo ofreceron”, aseverou.

“O alcalde non está no día a día nesas cousas, non estou na mesa de contratación, non estou na concellaría de Urbanismo. Ademais, actuaron correctamente. Iso cónstame e téñoo claro. Non vai ter ningún percorrido e por iso é totalmente incomprensible a actitude da xuíza con respecto a min e aos outros imputados”, resolveu.