EFE.- O grupo provincial do Partido Popular na Deputación de Lugo considera que o presidente da institución, o socialista José Tomé Roca, mostrouse “autoritario e mesmo machista” no seu discurso final do pleno deste martes, dirixido á portavoz popular Elena Candia.
Segundo sinalou o viceportavoz dos populares, Javier Castiñeira, no seu grupo víronse “sorprendidos polo autoritarismo, e mesmo machismo, que o político socialista demostrou durante a súa intervención final”, tras a que restrinxiu o uso da palabra a unha Candia que quixo responder “por alusións”.
Ante este intento de resposta, “máis que xustificado e por alusións explícitas” -segundo indicou Castiñeira-, o presidente do organismo provincial advertiu a Candia de que, por moito que premese o botón do micrófono, non tiña a quenda de palabra debido a que o debate xa rematara. “A lei di que pode pedila, e o presidente pode darlla, pero non facelo”, sinalou Tomé.
ACÚSANO DE AUTORITARISMO
Castiñeira indicou que “a importancia dun presidente non é ir cun látigo, senón xestionar”, unha faceta da que “adoece” o actual presidente provincial, segundo sinalou o viceportavoz popular. “O único que fixo ata o día de hoxe é sentar na súa cadeira de brazos a cambio de deixar polo camiño a compañeiros seus como o expresidente Darío Campos”, sentenciou Castiñeira.
Debido a esta actitude mostrada por Tomé, os populares aseguraron notar “un retroceso na participación democrática, no diálogo e na transparencia” da institución provincial. Así mesmo, criticaron o presidente socialista por permanecer durante toda a sesión plenaria “emparapetado detrás dun cronómetro”.
SEGUIRÁN EN ALERTA POLAS RESIDENCIAS
Os populares tamén insistiron en que seguirán “de preto” as xestións que emprenda o goberno provincial respecto do funcionamento das residencias da terceira idade. “Aínda que o presidente dixo que si as faría”, os deputados do bipartito (dez do PSdeG-PSOE e tres do BNG) votaron “en contra” da proposta da oposición. EFE