InicioPolíticaPleno da Deputación con final tenso para aclarar que "as residencias vanse...

Pleno da Deputación con final tenso para aclarar que “as residencias vanse facer; poden estar tranquilos”

"Fóiselle a olla", chantoulle José Tomé a Elena Candia. Ela, que criticou os movementos do bipartito para "desatender" os centros de maiores, insistiu na importancia dun proxecto cuxa historia é "triste". PSOE e BNG acusárona de "inventar" e "manipular" historias e pedíronlle que se afane en facer que a Xunta "se sume ao carro".

PUBLICADA O

- Advertisement -

Nunca se sabe o que pode deparar un pleno da Deputación de Lugo, visto o visto nos últimos tempos. Sesións longas e tensas acaparaban as páxinas dos xornais ao día seguinte. Hoxe celebrouse en San Marcos un pleno extraordinario para aclarar o futuro das residencias de maiores, a solicitude do PP. A conclusión non foi outra ca a que xa se viña reiterando nestas semanas: “Imos cumprir os compromisos que adquirimos; esas dezaoito residencias vanse abrir. Pero non formalizaremos novos acordos”, insistiron dende o goberno provincial. Certamente, a sesión sorprendeu por ser máis curta do habitual. Pero, iso si, a tensión estivo presente cara ao final do acto, con acusacións de Tomé a Candia.

A reunión estaba convocada para as once da mañá deste martes 20, hora na que apareceron os deputados socialistas polo corredor de San Marcos que conduce ao salón de plenos. En declaracións aos medios, previas ao debate, o presidente provincial, José Tomé, xa adiantou a postura do seu equipo. “Coas residencias non vai pasar nada, que eu saiba. Dá a sensación de que isto é un invento de alguén que non sei que pretende“, soltou Tomé; unhas críticas que había repetir máis tarde no asento de presidencia.

“A HISTORIA DAS RESIDENCIAS É MOI TRISTE”

A sesión comezaba cunha novidade: unha pantalla que indica o tempo que lle resta a cada locutor nas súas intervencións. Unha incorporación que, se cadra, procura remediar problemas facilmente solucionables do pasado. A palabra correspondíalle, daquela, á voceira do grupo popular, por ser eles quen rexistraron a solicitude de celebración do pleno. Elena Candia centrou a súa quenda en resaltar a importancia das residencias de maiores, un “proxecto estrela” dos anteriores mandatos socialistas e que agora está baixo o paraugas da “incerteza”, segundo ela. “A historia das residencias é moi triste. Se non que lle pregunten aos veciños de Castroverde”, exemplificou máis adiante.

“Se mudar a imaxe da institución é converter en papel mollado os acordos dos anteriores mandatos, mala imaxe é esa“, chantou Candia. Así pois, pediu que se explicara ben cal é a proxección de futuro para estes centros, cuxa responsabilidade se lle quere trasladar agora á Xunta. E é que, efectivamente, o goberno bipartito anunciou que a súa intención é a de solicitar á Administración Autonómica que asuma as competencias “que lle son propias” no relativo a este servizo. Fano, din, porque “a caixa da Deputación ten un límite” e cómpre investir ese diñeiro noutras cuestións. Aínda así, tanto o PSOE coma o BNG pensan que deixaron ben definida a súa “folla de ruta” dende o principio: as residencias cuxos proxectos de construción ou apertura xa están iniciados seguirán adiante.

Son tres as que xa están abertas (Trabada, Ribadeo e Pol). As restantes sitúanse na Fonsagrada, A Pontenova, Becerreá, Castroverde, Cervantes, O Courel, Guitiriz, Meira, Navia de Suarna, Ourol, Pantón, Pedrafita, A Pobra do Brollón, Portomarín e Ribas de Sil.

UN PLENO PARA “TAPAR VERGOÑAS” DO PP

Iso foi no que insistiu a voceira socialista, Pilar García Porto. Cre que esta solicitude de pleno non ten razón de ser e acusa os populares de “sementar dúbidas con declaracións desatinadas”. Efrén Castro, do BNG, subscribiu estas verbas e aínda engadiu un chisco máis: cualificou o pleno como unha maniobra para erguer unha “cortina de fume para tapar vergoñas”.

Ademais, García Porto e Castro censuraron a falta de coherencia dos populares, a quen afearon que agora se preocupen tanto polas residencias de maiores cando no pasado non colaboraron coa súa posta en marcha. “Cinismo” e “manipulación” foron algunhas das reprobacións que voaron dende a bancada socialista cara á popular. Malia iso, abren as portas á cooperación coa Xunta, a quen lle piden que se “sume ao carro do coidado dos maiores” non só con declaracións, senón cos recursos dos que dispón.

TOMÉ A CANDIA: “FÓISELLE A OLLA

Para pechar a sesión, era a quenda do presidente José Tomé, quen recalcou no xa dito pola súa compañeira de partido. Puxo como exemplo unhas manifestacións do alcalde de Pantón (PP), nas que garantía que a súa residencia se abriría. “Se este home ten a confianza en que se vaia abrir a residencia, onde está a alarma? Que dúbida hai que disipar?”  A maiores, Tomé criticou que os populares non respectaran a “norma escrita” dos cen días de cortesía. “A impaciencia é unha mala conselleira en política. Diríalle que se tranquilice, que sexa útil para os veciños”, pediu o monfortino.

Tampouco desaproveitou a oportunidade que lle confería a súa posición para denunciar unhas declaracións de Candia nas que a popular o acusaba de ter dado un golpe de estado. “É atrevida. Vou pensar que nese momento se lle foi a olla”, espetou; unhas palabras que non foron nada ben recibidas por Candia, que interrompeu para pedir respecto. “Entendo que está triste co cambio na Deputación. Agora vostede xa non é a actriz principal (…), pero non invente historias que desprestixien a institución”, proseguiu Tomé mentres se alimentaba a tensión. “Tranquilícese, pero non se despiste, señora Elena Candia”, rematou, para logo deixar caer un posible “movemento de tropas” nas filas populares.

O alegato final cargou a presión, pero non houbo oportunidade para que Candia replicase. Finalmente, a suma de 13 deputados do goberno provincial evitou esa proposta lanzada polo PP de “acordo plenario relativo á clarificación do futuro” das residencias. O pleno, ao que acudiran varios alcaldes cuxos concellos están implicados neste asunto, non trouxo canda si nada novo alén do que xa se viña dicindo. Pero así arrinca o mandato.

 

ÚLTIMAS

Coñecemos á ‘Galiartesá’, Pepa Lombao, oleira de Bonxe

O Galicia Confidencial presenta a serie 'Galiartesáns e galiartesas' coa que procura visibilizar diferentes oficios artesáns...

O Concello de Lugo defende que os recursos empregados no Ceao foron “suficientes”

A concelleira de Cohesión Social de Lugo, Ana González Abelleira, saíu ao paso das...

Bombeiros dá por extinguido o incendio no polígono de O Ceao e a Policía Científica inicia a súa investigación

Bombeiros de Lugo deu por extinguido este mércores o incendio que calcinou na xornada...

Rexeitamento da Deputación de Lugo á instalación da planta Altri en Palas

A Deputación de Lugo manifestou a súa oposición á planta de Altri no municipio...