InicioPolíticaAsí quedan repartidas as áreas de goberno do PSOE na Deputación

Así quedan repartidas as áreas de goberno do PSOE na Deputación

José Tomé ocupará a área de Xestión Territorial ademais de levar as funcións propias da presidencia. A área de Muller será responsabilidade de María Loureiro; Xosé María Arias ocuparase de Cooperación e Asistencia aos Concellos; e García Porto seguirá á fronte de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo.

PUBLICADA O

- Advertisement -

O presidente da Deputación de Lugo, José Tomé, presentou este venres a composición do Goberno para os vindeiros catro anos, pensado para ser “o máis útil para a provincia a través dos Concellos e do tecido asociativo”. Nese reparto de áreas, o propio Tomé asumirá a área de Xestión Territorial, ademais das funcións presidenciais.

Así pois, Tomé pasará a ocuparse das materias de Vías e Obras, Parque Móbil e Unidade de Proxectos. Ditos asuntos inclúense nesa área de xestión territorial que deberá compaxinar coa dirección do Goberno e as tarefas de Administración. “Quero implicarme directamente na xestión para impulsar e garantir o reequilibrio social e territorial do que falaba”, asegurou.

O presidente da institución provincial estivo acompañado de deputadas e deputados do grupo socialista para dar a coñecer a nova estrutura do equipo de goberno. Segundo comentou, a designación de áreas de actuacións ten como obxectivo “responder coa máxima eficacia ás necesidades dos Concellos e dos veciños”, así como “impulsar o desenvolvemento da provincia a través do reequilibrio e a cohesión social e territorial”.

Coida que o conxunto de deputados socialistas conforman un “equipo sólido, cunha longa experiencia na gobernanza e xestión da administración pública”. Ademais, resaltou a “iniciativa” e as “ganas de traballar pola provincia con honestidade, eficiencia, diálogo, transparencia e proximidade á cidadanía”.

En canto ao resto de áreas, o cadro quedaría así:

 A Área de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo estará baixo a responsabilidade de Pilar García Porto que, ademais, estrearase como voceira socialista do Goberno.

– A Área de Promoción Económica e Social estará ao cargo de Pablo Rivera Capón. Leva asociadas as materias de Proxectos Europeos, Innovación e TICs, Transparencia, Emprego e Benestar Social.

– A Área de Economía, Recadación, Facenda e Especial de Contas seguirá baixo a responsabilidade de Mayra Gómez Bermúdez, igual ca no último mandato.  “As cousas cando van ben e funcionan, non hai que cambialas. Este é un exemplo”, en palabras de Tomé.

– Área de Participación Cidadá. O Presidente decidiu dedicarlle unha área específica a esta materia porque “lle queremos dar un protagonismo singularizado á comunicación directa coa veciñanza”. Dela ocuparase Roberto García Pernas.

– Área de Muller e Igualdade. En cumprimento do pacto de goberno, esta materia terá unha área específica que correrá a conta de María Loureiro García, “unha persoa comprometida coa necesidade de concienciar e impulsar accións para avanzar cara a igualdade real”.

– Da Área de Cooperación e Asistencia aos Concellos ocuparase Xosé María Arias, o rexedor de Castroverde. Segundo dixo o presidente, Arias é “un moi bo coñecedor das necesidades dos Concellos pola súa dilatada traxectoria como Alcalde e tamén como Deputado provincial”.

– Área de Formación, Ensino e Economía do Coñecemento. Ana González Abelleira será a encargada de dirixir esta área, en base á súa xestión como concelleira.

– A área de Medio Ambiente levaráa José Luis Raposo, alcalde de Pedrafita do Cebreiro.

– Área de Recursos Sostibles. Será Roberto Fernández Rico quen estea á fronte desta materia, centrada na xestión e impulso do Centro de Recría e a finca Gayoso Castro, ademais da finca do Pazo de Tor. Coa creación desta área, que non existía, argumentou José Tomé, procuran converter estes recursos “nun referente e nun elemento tractor para o sector primario de Lugo”.

ÁREAS DO BNG

Con respecto ás áreas que xestionará o BNG, o presidente sinalou que serán os deputados nacionalistas quen dean conta da súa organización interna. As competencias que asumen son: Deportes, Artesanía e Deseño, Memoria Histórica, Medio Rural, Mar, Mocidade, Cultura, Patrimonio Histórico e Normalización Lingüística.

ÚLTIMAS

Coñece a programación da Semana de Cinema de Autor de Lugo: 148 filmes e homenaxe a María Vázquez

Máis de 148 películas formarán parte este mes de setembro da Semana de Cinema de...

Outro incendio rexistrado nunha nave do Ceao provoca cuantiosos danos materiais, aínda que non se rexistran vítimas

Un incendio declarado na noite deste mércores nunha nave do polígono industrial de O...

Vicepresidencia da Deputación de Lugo non dará apoio económico a actividades con participación israelí

A Vicepresidencia da Deputación de Lugo, do BNG, anunciou que non financiará actividades nin...

Detido en Lugo por ameazar con navalla a dous menores que xogaban na rúa

A Policía Nacional detivo en Lugo a un home de 64 anos de idade...