O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, retrucou ás recentes críticas que fixo a alcaldesa, Lara Méndez, sobre a Administración autonómica. Mentres que Méndez asegurou que a Xunta discrimina Lugo, Balseiro corrixe estas declaracións e salienta que o goberno galego é “a única administración que inviste” neste concello.
Balseiro saíu ao paso despois das palabras da rexedora lucense, a quen acusou de proclamar “unha afirmación falsa”. Refírese ás acusacións de Méndez acerca de que a Xunta só destina diñeiro para Lugo “nas citas electorais”. Para “desmentir” iso, o delegado fixo fincapé en que é a Xunta quen lidera as obras nas áreas da educación, sanidade ou novos servizos, sostivo. Mencionou o novo colexio no Sagrado Corazón, as reformas no Xoán Montes e a “remodelación integral” doutros tres centros: o colexio Luís Pimentel, o de Casás e o IES Muralla Romana. “Todas elas” estarían impulsadas pola executiva de Feijóo, segundo defendeu Balseiro.
A maiores, entre os seus argumentos tamén esgrimiu que “só a administración autonómica -non o Concello- inviste na rehabilitación da Tinería”, para logo engadir á súa rea de exemplos as obras do cubo VII da Muralla e a renovación do barrio da Residencia. O delegado tampouco quixo pasar por alto os investimentos que “protagonizou” a Xunta nos pasados catro anos. Así, fixo alusión á apertura da nova escola infantil de Garabolos; aos novos servizos para o Hula; á dotación do equipamento do auditorio (aínda inacabado); á rehabilitación de catro cubos da Muralla…
QUEN É O CULPABLE DOS “ATRANCOS” E DO “ESTANCAMENTO” DE LUGO?
Balseiro corrixe así unhas declaracións da alcaldesa baixo as cales non ve fundamentos. Ao tempo, reta a Méndez a que poña sobre a mesa algunha obra promovida polos gobernos socialistas local ou central nos últimos meses. Non lle serven, adiantou, “maquetas e promesas que nunca chegan a facrese realidade”. Mesmo se ofreceu a un posible debate público cara a cara para abordar estes asuntos e destapar o “vitimismo” do Concello.
Asemade, pídelle ao novo goberno local que, no canto de buscar a confrontación institucional, opte por “poñerse as pilas” para traballar pola cidade e “deixar que os demais fagan o propio, sen atrancos”. Curiosamente esta acusación xa fora utilizada tamén por Lara Méndez, que culpou a Xunta do “estancamento” de Lugo e de “non permitir” o avance.