InicioOpiniónOPINIÓN. Limitacións á hora de facer testamento: cando podemos desherdar a alguén?

OPINIÓN. Limitacións á hora de facer testamento: cando podemos desherdar a alguén?

Nesta ocasión, e seguindo coa liña de falarmos sobre Dereito e Territorio, empezaremos cunha das grandes institucións para entender Galiza e como se xera o quebracabezas no que en ocasións se converten as parcelas rurais: os testamentos. Será esta unha área que visitaremos moi frecuentemente no futuro, pois tamén é unha das que máis me atraen e daquelas nas que traballo con especial intensidade.

PUBLICADA O

- Advertisement -

Dentro dos testamentos hoxe tocaremos unha das “polémicas” que máis sorprende ás persoas que queren facelos: non se pode deixar o patrimonio libremente a quen se queira. E precisamente nesta entrada falaremos dun dos límites, en concreto de se é posíbel ou non desherdar a alguén e, de ser así, cales son os requisitos que deben concorrer para podérmolo facer.

Empezamos pois dicindo que hai persoas ás que temos que deixar obrigatoriamente unha parte do noso patrimonio, guste ou non guste. Chamámolos, por este factor obrigatorio, “herdeiros forzosos”; aínda que tamén se coñecen por “lexitimarios”, é dicir, os que teñen dereito a recibir a lexítima, que é o valor dunha porción dos bens da persoa falecida. E quen son estes? Pois os/as descendentes (fillos/as, netos/as…) e o/a cónxuxe viúvo/a.

(Na Galiza, a diferencia do que acontece no resto do Estado, non son lexitimarios os ascendentes (nais, pais, avós…))

Sobre a lexítima habemos falar nalgunha outra ocasión, pero para esta vez basta con dicir que os/as fillos/as teñen dereito a recibir o 25% do valor da herdanza; mentres que o/a viúvo/a, recibirá o usufruto vitalicio (o dereito a usar e desfrutar dos bens mentres viva), ben do 25% (se hai fillos/as) ou do 50% (de non os haber).

(Galiza ten unha parte do seu dereito hereditario que é propia, diferente a como se regula no resto do Estado. Por iso, a parte da lexítima non é a mesma que noutros territorios, onde é do 33%).

É dicir, recapitulando, se temos fillos/as só podemos decidir libremente o destino do 75% dos nosos bens. E só poderemos pasar a controlar o 100% dalgunhas maneiras moi concretas, sendo unha delas a desherdación. Así, o que nos permite este mecanismo é alonxar aos/ás lexitimarios/as da súa lexítima, facendo que non reciban nada na herdanza.

Pois para desherdar necesitamos que se conxuguen dous tipos de requisitos: uns formais (o “como” o facemos) e outros materiais (o “porqué” o facemos).

Sobre o “como”, a desherdación ten que se facer necesariamente en testamento, e temos que facelo nomeando á persoa desherdada expresa e claramente, que non haxa dúbidas, vaia.

O “porqué” son o que chamamos “causas para desherdar”, e serían, entre outras:

-Ter sido condenada a persoa que queremos desherdar, por ter intentado atentar contra a nosa vida.

-Ternos obrigado esa persoa a modificar o noso testamento, empregando ameazas ou violencia.

-Que un/ha fillo/a nos negase alimentos sen motivo.

-Que obrasen contra nós con maltrato grave, físico ou psicolóxico.

-Que o/a cónxuxe tivese incumprido reiterada ou gravemente os seus deberes como esposo/a.

As causas están expresadas na Lei, pero ano tras ano os nosos Xulgados e Tribunais van perfilando algúns dos seus detalles. Só por citar unha resolución recente, neste 2022 o Tribunal Supremo (Sentenza 419/2002, de 24 de maio) dinos que non se pode desherdar a alguén só por falta de relación. No caso, unha persoa desherdaba ás súas netas pois non mantiñan contacto desde unha separación matrimonial previa. Pois ben, o Tribunal di que esta falta de contacto non é abonda para considerarse un maltrato psicolóxico e, por tanto, causa de desherdación.

Ilustración: Xosé Manuel Fdez.

Esta sentenza é útil, pois especifica que requisitos debe ter a falta de contacto para pasar a ser causa de desherdación: debe ser continuada e inxustificada; debe ser imputábel só á persoa desherdada (que nós non lle teñamos culpa, vaia), e que esta ausencia de relación nos causase dano psicolóxico abonda. Se acontece todo isto, si podemos desherdar por falta de relación.

Pois ben, unha vez sabemos como desherdar e os motivos para o facer, cómpre que teñamos en conta que hai complexidades no proceso. Por exemplo, se desherdamos a unha persoa que ten fillos/as, estes/as entran a recibir a lexítima no seu lugar. É dicir, se desherdamos a unha filla da que temos netos, estes netos van recibir da nosa herdanza, por dicilo dalgún modo, en lugar de súa nai. Tamén temos que considerar que se nos reconciliamos, despois dunha inxuria grave e continuada co tempo, a desherdación deixa de ter efecto. Un último exemplo de elementos de dificultade sería que a persoa desherdada pode “atacar” esta desherdación, isto é, pode intentar ir á Xustiza para que se declare inxusta esta exclusión da herdanza (non pensemos que por colocar desherdación no testamento, xa se aplicará sempre e en todo caso).

Os detalles son moitos, e analizalos todos aquí faríanos rematar un artigo inmenso! O mellor consello que se pode dar, no meu parecer, é que se tedes dúbidas sobre como organizar a vosa herdanza contactedes con profesionais con experiencia nesta área. Desde a avogacía ou mesmo dende a Notaría podedes atopar apoio para configurardes a vosa sucesión da mellor maneira posíbel e intentando garantir unha das cousas que máis preocupa nestes casos: que se respecte a vosa vontade e que o proceso sexa o máis pacífico posíbel.

Miguel Vieito. Foto: M.V.

ÚLTIMAS

Nova oficina do SEPE en Lugo, pola que pasarán 27.000 veciños ao ano

A antiga Escola de Enfermaría de Lugo acolle a nova oficina do SEPE na...

Conmemoran a batalla do Porto de Bois e reivindican “Altri non”

Coincidindo coa xornada de conmemoración da batalla de Porto de Bois, xuntouse un grupo...

Lugo rexistra un terremoto de magnitude 3.6 que se fixo notar

Un terremoto de magnitude 3,7 na escala de Richter con epicentro en Sarria foi...

Un policía local de Lugo fóra de servizo practica un RCP e sálvalle a vida

Un policía local de Lugo que se atopaba fóra de servizo practicou unha manobra de...