Para comezar, diremos que o Catastro Inmobiliario é un rexistro de bens inmóbeis, por obvio que pareza. É dicir, recolle propiedades: solares edificábeis, terreos de monte, edificios, casas, plantacións, alpendres…
Depende do Ministerio de Facenda, co que un dos seus usos principais é servir de base para o cobro de impostos e taxas. Deste modo, o valor que conste no Catastro (que dende o 1 de xaneiro é o chamado “valor de referencia”), é o que se empregará para o cálculo do Imposto de Bens Inmóbeis (da “urbana” ou “contribución”), da plusvalía, do Imposto de Sucesións…
É por isto que, cando recibimos o recibo da urbana, veremos “valor catastral” na viñeta ou no recibo do Concello.
Pero o Catastro tamén ten unha utilidade adicional, pois identifica os predios: a súa superficie, a súa situación xeográfica, o seu uso… Deste modo, a referencia catastral, que é única e obrigatoria para cada terreo, daranos información real do patrimonio dun entorno territorial.
Porén, un dos puntos que máis dúbida adoita espertar sobre o Catastro é a súa relación con outro rexistro, tamén público, e sobre as funcións de ámbolos dous. Falamos do Rexistro da Propiedade.
Se a razón de ser do Catastro é a valoración económica a efecto de impostos, así como a descrición física dos predios, a do Rexistro da Propiedade é deixar constancia de quen é propietario/a dos mesmos. Parte da confusión habitual orixínase porque os dous rexistros recollen titularidade, isto é, os dous pódennos dar unha resposta á pregunta “quen é o dono desta finca?”, porén, onde o Catastro só o recolle como indicio, o Rexistro recólleo cun plus de seguridade pois fai proba de a quen pertence o ben. Colocando un exemplo: se un ben ten propiedade diferente en Catastro e Rexistro da Propiedade, ten valor esta segunda fronte á primeira.
Se ámbolos dous rexistros non coinciden, o problema aparece. Existen procedementos para obter a concordancia, e dende o ano 2015 a coordinación entre eles é a norma xeral, pero seguen a manterse as discrepancias en inmóbeis con transmisións anteriores a esa data. O máis habitual de feito, é que os bens rústicos non aparezan no Rexistro da Propiedade, e se consignen no Catastro a nome de persoas falecidas.
Esta situación impediríanos, por exemplo, vender o ben con rapidez e garantías (ante Notario), hipotecalo, alugalo… e tamén nos colocaría un problema á hora de recibilo por herdanza; mesmo podería xerarnos problemas con Facenda. É por isto que amañar estas discrepancias é moi relevante, para termos un control sobre os nosos bens, por seguridade xurídica e tamén coa finalidade de obter tranquilidade nas transmisións ou negocios que queiramos realizar no futuro.
O CATASTRO, ESPECIALMENTE IMPORTANTE NO RURAL
Dicimos que o Catastro é especialmente relevante no rural pola súa propia finalidade. Coloca datos sobre superficie e lindeiros, por exemplo, e pode facelo coas denominadas “xeoreferencias”, é dicir, coordenadas de situación (similares ao GPS). Isto é, xa non van ser os marcos de pedra os que nos digan onde remata unha finca, senón estas xeoreferencias catastrais. O Catastro podería rematar coas disputas entre lindantes, pola mobilidade dos marcos!
Tamén é importante manter control sobre os predios a efecto de pago de impostos: se o valor de referencia que o Catastro emprega é incorrecto ou cremos que debe corrixirse, é importante facelo antes de que se emita a liquidación tributaria correspondente. Así mesmo, se o ben segue a nome dunha persoa xa falecida, podemos ter dúbidas ou discrepancias entre herdeiros/as, para saber a quen lle toca pagalo.
Por último, estar máis atentos/as ao Catastro lévanos a ter maior control sobre as nosas fincas e propiedades: saber cales son, onde están, o que miden e para que poden empregarse. Ter estes datos en firme e garantidos, vainos dar pé a poder negociar con eles, se o queremos, e a darlles usos acorde ás súas características. Ter un control sobre o territorio é unha das ferramentas clave para que o noso rural teña futuro!
MIGUEL VIEITO VILLAR
Miguel Vieito é avogado e está especializado en tres áreas: Dereito e saúde, levando neglixencias e erros médicos, danos en saúde e negación de servizos, entre outros temas; Dereito e discriminacións por razón de idade, de lingua, de orientación ou identidade sexual… e tamén Dereito e relacións familiares intervindo en mediación, herdanzas, separacións ou divorcios; así como xestión patrimonial (Catastro, Rexistro da Propiedade, lindeiros…).