A UNED de Lugo aborda no seu último episodio do podcast NaturalMente, integrado no proxecto de alfabetización climática da Oficina Verde, o fenómeno da “alimentación en risco”, cunha análise da transformación do sistema alimentario global e das súas implicacións ambientais, sociais e económicas.
O episodio pon de manifesto un paradoxo estrutural: o mundo produce máis alimentos ca nunca, pero millóns de persoas seguen a padecer fame, mentres se reduce de forma drástica a diversidade agrícola. Neste sentido, indícase que no último século se perdeu unha parte moi significativa das variedades cultivadas, o que incrementa a vulnerabilidade do sistema alimentario fronte a crises climáticas e sanitarias .
A análise identifica como causa principal a homoxeneización da alimentación, impulsada pola agricultura industrial e a expansión dos monocultivos, un modelo que, malia aumentar a produtividade, implica efectos negativos como a degradación do solo, o incremento do uso de agroquímicos e a perda de diversidade xenética .
Así mesmo, o podcast examina o papel estratéxico das sementes no sistema alimentario global, destacando a crecente concentración do mercado e a dependencia que xera nos produtores, o que suscita interrogantes sobre a soberanía alimentaria .
Fronte a este escenario, preséntanse diversas liñas de resposta, entre as que destacan a agricultura ecolóxica, a recuperación de variedades locais e o desenvolvemento de sistemas agrícolas máis diversos e resilientes, xunto cunha reflexión sobre o papel da innovación e da biotecnoloxía .
A Oficina Verde da UNED de Lugo, no marco da que se desenvolve este podcast, é unha iniciativa orientada a promover a sustentabilidade a través da alfabetización climática, a divulgación científica e a colaboración co territorio, impulsando accións de sensibilización e proxectos dirixidos a reducir o impacto ambiental e fomentar modelos máis responsables e resilientes.
O episodio conclúe cun chamamento á acción, promovendo un modelo alimentario baseado na proximidade, na diversidade e no consumo responsable .
Ligazón ao podcast: https://go.ivoox.com/rf/172399947
