A Xunta de Galicia autorizou a solicitude do Concello de Lugo para instalar gaiolas-trampa para o control das poboacións de xabaril no contorno da cidade. En concreto, nun comunicado, a Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático explicou que dá resposta á solicitude municipal de aplicar medidas de control coas que mitigar os efectos que ten para a seguridade das persoas a presenza de exemplares desta especie no contorno urbano e periurbano do municipio.
Deste xeito, a localización da gaiola acordarase entre persoal municipal e a Unidade de investigación para a conservación da natureza (UICON) da Xunta, buscando unha maior efectividade. Así mesmo, axentes da UICON encargaranse da instalación, vixilancia e seguimento da trampa, así como de avisar á administración local no momento en que os xabarís entren no dispositivo.
Pola súa banda, o Concello de Lugo encargaranse do cebo da gaiola-trampa, de acordo coas indicacións da UICON, e do transporte dos exemplares de xabaril capturados ata o destino da súa xestión, que será determinado por persoal facultativo veterinario, de acordo coa normativa vixente. Esta autorización, que terá unha vixencia dun ano, enmárcase no procedemento impulsado polo Goberno galego no ano 2023 para facilitar as capturas destes animais en lugares concretos de cidades e áreas metropolitanas.
