InicioSociedadeDescubrindo o cemiterio de San Froilán

Descubrindo o cemiterio de San Froilán

Miquel Trepat, presidente da Asociación de Funerarias e Cemiterios Municipais (AFCM), onde se inclúe o cemiterio lucense asegura que "hai unha tendencia no sector que está predominando por enriba das demais: a creación de cemiterios comprometidos co medio ambiente e coa loita contra o cambio climático".

PUBLICADA O

- Advertisement -

Os cemiterios son unha desas infraestruturas que resulta imprescindible para calquera cidade. Cada vez os núcleos urbanos teñen máis habitantes e estes precisan dun lugar no que enterrar e no que chorar aos seus defuntos. E, como acontece no caso das vivendas, os cemiterios existentes quédanse pequenos para aglutinar tanta demanda. Por iso, cada vez creánse máis lugares de enterramento nas afóras das propias cidades. Agora ben, os cemiterios tradicionais foron pouco a pouco quedando rodeados polo crecemento natural da urbe. Así as cousas, con este panorama ante nós, son cada vez máis os cemiterios que apostan pola sostibilidade e pola creación de espazos amigables cos habitantes das cidades nos que, ademais de ir visitar aos que xa non están con nós, a xente poida desfrutar da natureza, do aire puro, da lectura, da reflexión… Cemiterios que xa se poden considerar auténticos parques e xardíns, un pulmón verde dentro de tanto formigón.

Miquel Trepat, director xeral de Cementiris de Barcelona e presidente da Asociación de Funerarias e Cemiterios Municipais (AFCM), explicou a pasada semana no III Congreso Internacional de Directivos Funerarios que “no noso país é obrigatorio que as vilas e cidades teñan cemiterio”. Isto supón que “os concellos si ou si teñen que prestar o servizo, sexa coa fórmula que sexa: hai cemiterios xestionados polo propio concello, outros por empresas públicas, outros por empresas privadas que gañaron unha concesión…, pero, en última instancia, o responsable do cemiterio sempre vai ser o Concello“. Ademais, apunta que “actualmente o sector funerario e dos cemiterios e da cremación ten unha dinámica moi acelerada, todo vai moi rápido e xa non se pode adiantar o que vai acontecer no medio ou longo prazo, porque os cambios xa se están dando no presente”.

“MOITOS CEMITERIOS QUEDARON ATRAPADOS POLO CRECEMENTO DAS CIDADES”

E, se hai unha tendencia no sector funerario que está predominando por enriba de todas as demais esa é a creación de cemiterios “comprometidos co medio ambiente e coa loita contra o cambio climático”. Ao que habería que sumar cemiterios “innovadores, na marxe do que poidan dentro das súas posibilidades; inclusivos, onde todas as culturas teñan cabida porque cada vez as cidades tamén son máis diversas culturalmente; amables coas persoas, que sexan agradables para estar neles…”. Trepat apunta que para reducir o impacto ambiental “non necesariamente hai que poñer unha placa fotovoltaica ou mercar un vehículo eléctrico para o mantemento do cemiterio, cada cemiterio debe ser sostible dentro das súas posibilidades, que son máis ou menos grandes dependendo do concello”.

En España hai 8.132 municipios e 17.682 cemiterios, segundo o último censo, co cal, como confesa Trepat, “estamos a falar dun espazo físico importante”. E explica que, “aínda que no noso país segue habendo cemiterios no extrarradio, sobre todo en pequenos municipios, nas cidades hai cemiterios que quedaron atrapados pola propia cidade, pois comezaron sendo cemiterios parroquiais e, despois dunha serie de epidemias e tamén por falta de capacidade, remataron por trasladarse ao extrarradio, fóra das murallas, pero unha vez que esas murallas que rodeaban as cidades desaparecen e que as cidades seguiron crecendo, estes cemiterios quedaron atrapados entre os edificios”. Esta é a tónica habitual en cidades de máis de 100.000 habitantes. Por iso, e aínda que en Galicia hai verde xa de por si, “hai en moitos lugares onde os cemiterios son unha oportunidade para atopar un pulmón verde no medio do formigón, do tráfico e da contaminación”. 

“AGORA BUSCAMOS AVANZAR CARA O MODELO DO NORTE DE EUROPA: FACER DOS CEMITERIOS UN LUGAR TAMÉN PARA O PASEO, A LECTURA OU O DEPORTE”

“Estamos falando de que, máis aló da función social que cumpren estes espazos que, nalgúns casos, xa son verdes, tamén poden converterse en pulmóns verdes para o paseo, a lectura ou o deporte compatibilizando funcións”, propón o director de AFCM. Este é precisamente o modelo de cemiterios que hai no norte de Europa, en cidades como Oslo ou Estocolmo, onde os cemiterios son verdadeiros parques nos que se adica espazo verde a homenaxear ás persoas que nos precederon, pero tamén a actividades sociais e culturais. Dentro da asociación dirixida por Trepat hai englobados un 250 cemiterios, os cales clasificaron en tres tipoloxías: tradicionais, aqueles que están moi desenvolvidos en tumbas e panteóns pero que comezaron a verticalizarse con edificios de nichos pola alta densidade de falecementos; parques, onde o verde xa ten unha presenza e hai camiños pavimentados; e xardíns, que son auténticas xoias botánicas con moita vexetación, algúns deles sendo verdadeiras reservas naturais.

“Cando ti vas por Europa ves xente que está correndo por parques e non te das conta de que verdadeiramente eses parques son cemiterios, pero sono”, afirma Trepat, que explica que “temos que ser capaces de trasladar ese modelo a España pois tamén será unha forma de que os propios concellos fomenten prácticas naturais na contorna da cidade”. O obxectivo, como expón, é que “cando se contabilice canto espazo verde ten unha cidade, dentro desas hectáreas de parques tamén se poidan incluír as hectáreas dos cemiterios” e que “cando se fale de que unha cidade ten certo número de parques, nese número poidan estar englobados tamén os seus cemiterios”.

CEMITERIO DE SAN FROILÁN: NATUREZA CON ESPAZO PARA O LOITO PERINATAL

En Galicia, Trepat pon a mira no cemiterio de San Froilán, en Lugo, “un cemiterio tradicional datado do ano 1948 que está facendo moitos esforzos para pasar a ser parque: aunando moi ben a vexetación autóctona e os elementos de conexión coa natureza cunha orientación cara a xeración de novos servizos para as familias, especialmente no campo perinatal”.  Como explican dende a asociación, o cemiterio de San Froilán “harmoniza a atención emocional ás persoas e ás familias co entorno natural, promovendo actuacións que potencian o exquisito coidado do medio ambiente e a súa interacción coas persoas”.

Así, este cemiterio leva anos realizando unha serie de actuacións na esfera do coidado ás familias, co fin de poñer a disposición da cidadanía “diferentes espazos onde compartir experiencias e onde lembrar”. Como non pode ser doutro xeito, a natureza é unha aliada precisa neste camiño, “xa que nela facémonos conscientes do inexorable ciclo vital, do cal a morte forma parte ineludible, favorecendo do mesmo xeito a introspección serena, unha iniciativa medioambiental na que se produce unha sinerxía curativa entre a natureza e as emocións”.

Nesta liña, e actualmente integrado na Ruta de Cemiterios Históricos Europeos, incorporou para a cidadanía un novo espazo, o ‘Xardín dos Arrolos’, destinado ao loito perinatal, unha esfera de dor moi pouco atendida ata este momento, que está marcada pola concurrencia de momentos do ciclo vital antagónicos: a vida e a morte. O loito perinatal ocasiónase pola perda xestante ou acontecida durante o período perinatal e desaxusta o corpo da nai tanto a nivel físico como emocional, pois conflúen sentimentos contrapostos: a ilusión dunha nova vida tórnase de súpeto nunha perda irreparable; a dor e a pena mestúranse co enfado e, non poucas veces, co sentimento de culpa. 

Por iso, este ‘Xardín dos Arrolos’ pretende ser un lugar de descanso onde a persoa se atope en paz coa súa perda, así como un lugar onde compartir experiencias con outras persoas que están a pasar polo mesmo, o cal pode servir como revulsivo desa depresión, ansiedade ou trastorno do sono e demais desaxustes que experimentan as familias que atravesan esta situación. Trátase dun espazo ubicado aos pés dun mural con temática acorde onde as familias atopan pequenos postes con estrelas, medias lúas e nubes onde poden exteriorizar os seus sentimentos tras a perda ou poñer plaquiñas co nome. Actualmente o Cemiterio de San Froilán, ampliado no 1998 ata acadar os 108.000 metros cadrados actuais, dispón de máis de 15.000 unidades de enterramento, das cales preto dun 55 % son nichos elevados. Estrutúrase en dúas partes: unha máis antiga e outra máis moderna que é a que recolle as novas tendencias funerarias.

CREMACIÓN EN AUXE: UN ESPAZO CON ARBUSTOS AROMÁTICOS PARA AS CINZAS

Por outra banda, o director da AFCM confesa que as prácticas funerarias a día de hoxe tamén están cambiando: “en España a cremación está crecendo moitísimo e, aínda que os cemiterios seguirán sendo espazos aceptados pola cidadanía, o formato tradicional de tumba, de nicho e de panteón está en crise, crecendo a demanda de solucións alternativas ao féretro vía cremación”. E, aínda que confesa que “dentro dos cemiterios hai moitos que xa xestionan fornos crematorios e estes, inevitablemente, non son neutrais, estanse a facer moitos esforzos para respectar ao medio ambiente, tamén porque a normativa é cada vez máis esixente neste sentido”. Ademais, asegura que “o respecto ao medio ambiente permítenos unha mellor conexión coas novas xeracións, que seguramente vanse enterrar de maneiras distintas ás que están enterrando agora aos seus familiares”.

No caso do cemiterio de San Froilán, este creou xa no ano 2013 o chamado ‘Xardín dos Arumes’, un espazo duns 50 metros cadrados con arbustos aromáticos onde realizar os enterramentos de cinzas. No xardín hai plantados diferentes arbustos aromáticos, como lavanda ou romeiro e, ao pé de cada un deles, poden realizarse enterramentos de cinzas nuns columbarios habilitados para tal fin e que poden ser usados por un tempo determinado. Agora mesmo hai unhas 39 unidades de enterramento libres (do medio cento dispoñibles en total con posibilidade de ampliación), mentres que o número de columbarios libres ascende a 105. 

ÚLTIMAS

Dous irmáns lucenses, promesas do piragüismo español

Un día de semana ás 10:00 horas da mañá en pleno verán, Hugo Argiz e...

O pleno municipal aproba esixir á Xunta que garanta o dereito das mulleres a abortar na provincia

O pleno do Concello de Lugo aprobou este venres, co voto a favor de...

Un conductor ferido grave tras caer por un terraplén no Corgo

O condutor dun vehículo resultou ferido de gravidade tras saírse da vía e caer por un...

Doa sangue e levarás gratis unha entrada para o cinema

A Axencia de Doazón de Órganos e Sangue (ADOS) e o Centro Comercial As...