InicioEconomíaA increíble historia de Venancio Vázquez e as galletas "La Fortuna"

A increíble historia de Venancio Vázquez e as galletas “La Fortuna”

Helena González de Bisagras de Papel comparte hoxe a historia dunha muller, que indaga no seu pasado e descubre que o seu bisavó era un persoeiro, que ben merecía ser recoñecido. Esa historia ten agora a forma de libro que aborda a súa triple faceta de empresario, político e filántropo e os seus fortes vínculos coa súa Sarria e a súa Galicia natal.

PUBLICADA O

- Advertisement -

As “galletas da fortuna” son unhas galletas de paredes delgadas, moi populares en Estados Unidos, que levan un cachiño de papel, cunha mensaxe no seu interior. Din que hai centos de persoas que coleccionan eses papeliños!

Contan que o seu creador foi un inmigrante xaponés afincado en San Francisco, que levaba a xestión do salón de té do Xardín Xaponés, creado con motivo da Exposición Universal de 1894.

Nese mesmo ano, Venancio Vázquez López inaugura a súa fábrica de galletas “La Fortuna”, en Pozuelo de Alarcón. O empresario galego, sobriño de Matías López, quería diversificar o seu exitoso negocio, que baixo a marca “Venancio Vázquez”, fabricaba e comercializaba chocolates e outros produtos, en Madrid.

Hoxe, o salón de té do Golden Gate Park segue a ser unha das principais atraccións turísticas de San Francisco.

Pola contra, a fábrica de galletas “La Fortuna” xa non existe. No seu lugar, hai agora un colexio.

A biografía de Venancio Vázquez López   

 

Hai dúas semanas asistín en Sarria á presentación da biografía: “Venancio María Vázquez López. El chocolatero gallego y su Fábrica La Fortuna en Madrid”, escrito polo historiador Gregorio Sánchez Meco e promovido por Lola Vázquez, a súa bisneta.

 

 

Despois da súa exposición, Lola pediu ás personas presentes que dixésemos unhas palabras.

Podería contar que coñecín a Lola, hai dous anos. Daquela a redacción da biografía do seu bisavó estaba bastante avanzada  e ela sentía a necesidade de afondar na xenealoxía da bisavoa, Dolores Rodríguez Cubas.

Con esa encomenda, botei varias xornadas a pelexar coas máquinas de visionado de microfilmes do Archivo de Villa de Madrid, para saber das casas habitadas por Dolores e a súa familia, tanto de solteira como casada. Tamén traballei cos índices dixitalizados dos libros parroquiais, que se conservan no Archivo Diocesano de Madrid.

 

Venancio Vázquez López, un indiano de libro

 

Podería dicir tamén que Venancio era un indiano de libro. Xa sabedes o que di o diccionario: “Persoa que marchou como emigrante, para América e que volve rica”.

E vos diredes:  “Non fixo as Américas, que fixo os Madriles!”. E tamén: “Non cruzou o mar, que cruzou a meseta!”. Si, pero a meseta abonda para sentir a distancia física e emocional coa terra. Chámase morriña!

Venancio foi quen tamén de construir a súa propia casa indiana, en Sarria e de plantar un cedro do Líbano e un castiñeiro. Chamouna Villa Aurelia”, para honrar a súa malograda filla.

“Era visto, sendo o sobriño de Matías López!”, diredes tamén. Si, Venancio non era un ninguén, pero aprendeu o oficio dende cero, non coma sobriñísimo. E foi quen de crear e ver florecer os seus propios proxectos empresariais.

Destacou como empresario innovador, político liberal e filántropo, comprometido con Galicia e con Sarria. Foi o impulsor da creación do Centro Galego de Madrid, seguindo o modelo dos centros de Montevideo e Bos Aires. Concebíao como unha institución orientada a axudar e protexer á abultada colonia de galegos e galegas, unhas 60.000 persoas, que daquela vivían e malvivían en Madrid.

Tamén estivo presente na creación da Cámara de Comercio de Sarria e reclamou unha liña de tren, que uniría Pontevedra e a vila luguesa.

“Mi bisabuelo fue un empresario, que no olvidó ayudar a los demás”, dicía Lola Vázquez na  entrevista publicada por El Progreso de Lugo, o día anterior á presentación do libro.

Venancio foi, en definitiva, un home xeneroso e sensible coa realidade social da época.

Lola, a bisneta que coleccionaba papeliños

 

Pero volvamos agora a Lola, a bisneta que quixo coñecer e compartir co mundo, a historia esquecida do seu bisavó.

Ela conta , que durante anos construiu a historia da súa familia paterna con silencios, palabras soltas e retallos de conversas, roubadas ós adultos.

Venancio era para ela un ser totalmente descoñecido, do que non sabía sequera o nome.

A historia desta rama da familia eran como tiras de papel, despregadas nunha mesa, ás que non lle conseguía dar sentido. Un deses papeliños puña Sarria.    

Anos máis tarde apareceron outros cachiños de papel, con novos nomes e palabras. Na súa mesa fixo espazo para un que puña Matías López.

Logo viría o encontro casual con Gregorio Sánchez Meco, promotor da exposición e autor do libro sobre Matías López: “Cuando El Escorial olía a chocolate”.

A partir dese momento, os papeis amoreáronse na súa mesa. Pouco a pouco e dunha forma máxica, a súa historia familiar ía  cobrando sentido.

O papeliño que puña Venancio ocupaba agora o centro.

O resto da historia xa a sabedes… A historia de Venancio ten agora forma de libro.

A xenealoxía  é así. Ás veces require moita paciencia, constancia, confianza e un ou varios golpes de fortuna.

[Do blog Bisagras de Papel ]

 

ÚLTIMAS

A redacción do proxecto para construír unha residencia na Pastoriza será financiada pola Xunta

A conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, reuniuse co alcalde da Pastoriza,...

Abadín rexistra 62 litros por metro cadrado debido á borrasca Caetano

A borrasca Caetano, que este xoves obrigou a activar diferentes alertas laranxa e amarela...

Un bus urbano causa danos nunha vivenda en Lugo tras saírse da vía e un dos pasaxeiros resulta ferido

Un bus urbano de Lugo sufriu este xoves un accidente de tráfico e causou danos nunha...

Detida unha muller de 20 anos de idade tras tentar introducir marihuana no centro penal de Monterroso

A Garda Civil detivo a unha muller de 20 anos de idade, veciña de Pontevedra, como presunta...