A plataforma ‘Por un Monte Galego con Futuro’ solicitou á Fiscalía de Medio Ambiente e Urbanismo que abra unha investigación para esclarecer os incendios forestais que ao longo dos últimos meses afectaron a áreas da xeografía galega baixo protección especial, como as zonas de Rede Natura 2000 ou as Reservas da Biosfera.
Nun comunicado, o colectivo, integrado por unhas 50 entidades, cualifica de “especialmente preocupante” os episodios de queimas producidas nestas áreas de “incalculable valor”, algunhas das cales atribúe a “institucións públicas” como a Consellería do Medio Rural e a Unidade Militar de Emerxencias (UME) que, din, “nalgúns casos” derivaron en incendios forestais.
Como exemplo disto sinalan o incendio rexistrado o pasado 6 de abril en Hórreos, unha parroquia do municipio lugués de Folgoso do Courel ou o ocorrido un día máis tarde, o 7 de abril, en Pacios (A Fonsagrada).
Segundo esta plataforma, no primeiro dos casos sinalados ardeu unha “superficie considerable” dunha área Rede Natura 2000 e no segundo, o lume iniciouse por “unha queima realizada por Medio Rural e a UME” e afectou o Monte Muradal, situado na Reserva da Biosfera de Oscos-Fonsagrada-Terras de Burón.
Neste sentido, ‘Por un Monte Galego con Futuro’ denuncia que estas queimas “afectan gravemente ao normal desenvolvemento da bioloxía dos animais” pois as que se realizan nesta época do ano coinciden co proceso de apareamento e cría.
OUTRAS VÍAS
Ademais, advirte da “grave incidencia” destas prácticas “nos ecosistemas, a biodiversidade, a erosión, a contaminación atmosférica, a saúde humana ou o cambio climático”, polo que instan ás administracións a optar por alternativas á realización de queimas que constitúen prácticas “máis seguras e respectuosas co medio”.
Así as cousas, a plataforma demanda á Xunta que aposte por estas fórmulas alternativas cando as condicións (climáticas, localización e época do ano) desaconsellen recorrer a queimas que, segundo remarcan, produciron incendios ao longo dos últimos anos cun “forte gasto de diñeiro público” para a súa extinción, ademais do consecuente perigo para a poboación e impacto ambiental.
CONCESIÓN DE PERMISOS
Outro dos aspectos que o colectivo pide ao Ministerio Público que investigue é a concesión de permisos para a realización de queimas durante finais de marzo e principio de abril en zonas que presentaban alto risco de incendio.
De feito, lembra que en comunidades como Asturias e Cantabria a realización destas prácticas estivo prohibida durante esas datas, polo que a plataforma entende que “a falta de coidado e previsión manifestamente recorrente” que, di, ten a Xunta respecto da autorización de queimas “podería ser constitutiva dun delito contra os recursos naturais e o medio ambiente”.
A Xunta queimando o monte de particulares e encimas escápaselles aos fenómenos da UME. Algún cargo de Medio Rural debe pasar a falar con su señoria