InicioMedioambiente e PatrimonioA "revolución urbanística verde" de Lugo acapara atencións no Cume do Cambio...

A “revolución urbanística verde” de Lugo acapara atencións no Cume do Cambio Climático

Lara Méndez destaca a importancia das políticas locais “coas que debemos dar os pasos clave cara unha transición xusta dun novo sistema social e económico ecosostible.

PUBLICADA O

- Advertisement -

Lara Méndez, alcaldesa de Lugo, presentou este luns no Cume do Cambio Climático de Madrid (COP 25) o proxecto LIFE Lugo Biodinámico de desenvolvemento urbanístico sustentable, “que non é só xa o noso modelo de cidade senón que incorpora innovacións ecosostibles e investigacións que poden ser replicables noutros municipios de tamaño medio de Europa que busquen ser máis resilientes e atenuar as consecuencias do cambio climático nun momento de advertencia de estado de emerxencia”.

A rexedora, que realizou esta exposición na zona Mare Nostrum da COP25, destacou o importante papel que xogan os municipios, “xa que é no local onde debemos dar os pasos clave cara unha transición xusta dun novo sistema social e económico ecosostible”.

Na liña cun dos obxectivos da COP25, asentar unha economía verde, a alcaldesa puxo o exemplo de Lugo, que pretende revolucionar os sectores vinculados á construción das cidades sustentables, “que potenciaremos ao levantar, desde cero, o primeiro Barrio Multiecolóxico de España, onde se aplicarán solucións ecolóxicas na planificación urbanística e nos servizos, buscando tamén cambiar hábitos de vida diaria e unha maior cohesión social, configurando o que nós chamamos aldeas urbanas”.

O primeiro sector que se revolucionará será o forestal, xa que a madeira autóctona será o elemento construtivo do barrio. “Onde primeiro se poderá ver será no Edificio Impulso Verde, o primeiro de uso público que se construirá utilizando madeira de Galicia, un exemplo claro da loita por rebaixar os impactos da emisión de CO2 ao emitir un 90% menos que os edificios de formigón e aceiro (50 toneladas fronte a 470), absorbendo, ademais, 280 toneladas de emisións. Cifras importantes, se se ten en conta que o obxectivo da emerxencia climática é reducir as emisións de carbono 7,6% cada ano e chegar á nulidade de emisións no 2050”.

A alcaldesa destacou, ademais, o novo pulmón verde de 16 hectáreas creado a través do LIFE Lugo Biodinámico, que completa o Cinto Verde de Lugo “xerando un espazo que mellora a calidade do aire da contorna, fomentando a absorción de CO2 e axudando á recuperación de especies de flora e fauna”. Nesta zona recuperouse unha xoia natural como o Humidal, que será ENIL (Espazo Natural de Interese Local) e establecéronse zonas de cultivos demostrativos para a construción das cidades do futuro, nos que o Campus Terra investiga a mellora da súa produción.

A alcaldesa agradeceu a implicación neste proxecto a Europa e á Deputación que cofinancian as estratexias, así como ao Campus Terra de Lugo e á Universidade Politécnica de Madrid polas súas investigacións.

+ posts

ÚLTIMAS

A Deputación de Lugo responde ao PP sobre a incorporación dun funcionario de administración local

  A Deputación Provincial de Lugo, ante as declaracións realizadas polo Grupo Provincial do Partido...

Concello de Lugo e CHMS colaborarán para recuperar a contorna da rúa Fermín Rivera

O alcalde de Lugo, Miguel Fernández, e o presidente da Confederación Hidrográfica Miño-Sil (CHMS),...

A Deputación de Lugo pide á Xunta reformular o anteproxecto de lei de administración local

O Pleno da Deputación de Lugo aprobou este martes unha proposta de Goberno en...

O PP acusa a BNG e PSOE de “deixar oco” na Deputación para que entrase o fillo do alcalde de Lugo

Os voceiros do Grupo Municipal, Elena Candia, e do Grupo Provincial do PP, Antonio...